A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, vén de intervir no Pleno do Parlamento de Galicia despois da comparecencia do Conselleiro de Sanidade para falar dos problemas que ten a Atención Primaria, así como para presentar o seu Plan deste sector tan fundamental.
“É incrible que lle bote a culpa de como está a Atención Primaria a que a xente vai moito ao médico ou é vella”, di Eva Solla, que tachou a comparecencia do Conselleiro dun “insulto”, xa que “os problemas veñen porque seguen a recortar, sen facer caso ás necesidades das e dos profesionais”, apunta. Neste senso, Solla recalcou: “Fixeron caso a algunha solicitude dos cadros de persoal? A súa solución é traer aquí uns papeis, a ver se a xente cala, e dicir que van derivar 8 millóns de euros, sen explicar de que partidas os van sacar”.
“Pensan que as e os profesionais da sanidade non queren facer ben o seu traballo? Será que cos seus recortes, durante máis de dez anos sobre a nosa sanidade non poden facer máis”, sinalou Solla, que tamén esixiu que se devolvan as xerencias de Atención Primaria.
“Os seus problemas non se resolven neste papelucho que nos trae hoxe aquí. Deanlle orzamento e capacidade de decisión”, pronunciou.
“Non se pode recortar e logo dicir que a culpa da situación da nosa sanidade é de que non hai persoal. Estaría ben que explicase a onde destinará a partida da que fala e se repercutirá en dar traballo a máis profesionais”, rematou Solla.
Para Esquerda Unida, un Plan de mellora da Atención Primaria ten que contemplar máis persoal, equipamento e acceso aos recursos orzamentarios necesarios para garantir políticas de promoción e prevención da saúde, así como unha asistencia de calidade, recuperando as xerencias de Atención Primaria para unha mellora da capacidade decisoria e de xestión.
Non perdas a intervención dende: