Eva Solla: “As cifras de desemprego que amosa agosto esixen a necesidade de reflexionar sobre o nefasto modelo produtivo imposto polo PP”

Segundo os datos dados a coñecer esta mañá polo Ministerio de Emprego, o paro sobe en Galicia en máis de mil persoas no mes de agosto ata situarse no total de 164.424 persoas desempregadas na nosa comunidade. Segundo analiza Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, “as cifras de paro que amosa agosto, cando a temporada estival soe permitir algunha alentadora lectura de emprego da que hoxe carecemos, son moi preocupantes e esixen a necesidade de facer unha seria reflexión sobre o nefasto modelo produtivo que temos, moi afastado do que precisamos para Galicia”.

Segundo explica Eva Solla, “a situación vólvese máis complicada para as mulleres que para os homes, entre as persoas desempregadas un 60% son mulleres. Tamén para as mozas e mozos menores de 25 anos, que representan o 5% do paro rexistrado, ademais, este sector da poboación só accede a empregos de extrema precariedade”. “Nestes últimos anos, asistimos a un empobrecemento total da clase traballadora, ao que temos que engadir a modalidade contractual precaria, que supón traballar menos horas, de forma temporal e inestable (o 91% dos contratos rexistrados en agosto foron temporais)”, precisa Solla.

“Con estas cifras, ben podemos afirmar que o actual modelo laboral imposto polo PP só leva á cronificación do desemprego e a perpetuación do emprego temporal e de miseria; un modelo que está asentado nas privatizacións e en recortes constantes nos servizos públicos. Ante estes preocupantes datos, é hora de que a Xunta de Galicia reflexione e poña en marcha políticas serias a prol da creación de emprego”, remata a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Relacionados