Eva Solla critica a desidia do PP respecto ao proxecto de ampliación do Hospital de Montecelo

Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e deputada de En Marea, fixo este mércores no Pleno unha interpelación relativa aos prazos de licitación e forma de financiamento prevista para o Hospital de Montecelo, “que ten graves deficiencias” e “que leva xa 8 anos de retrasos no proxecto grazas á desidia do PP”.

A deputada de En Marea preguntou no Pleno ao conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, sobre o abandono do proxecto de ampliación de Montecelo. “Perdemos dúas lexislaturas, oito anos, sen que se fixese esa ampliación para trasladar precisamente ese servizos que están situados agora mesmo no Hospital Provincial que se atopan en peores condicións” explicou Eva Solla, criticando a nova decisión da Xunta de non licitar nin tan sequera o proxecto de ampliación.

Eva Solla insistiu nas deficiencias do Hospital Provincial, “que xustifican a ampliación de Montecelo”. “No Provincial hai zonas de consulta sen baño, barreiras arquitectónicas, profesionais traballando en zonas sen ventilación nin luz natural, uralitas que teñen que ser retiradas e temperaturas que durante o verán superan os 35 graos”, lembrou. Por todo iso reclamou ao conselleiro de Sanidade que explicase que medidas vanse a tomar respecto diso mentres non se amplía Montecelo. “Non pode ser que os pontevedreses non saiban que vai pasar cos servizos do Hospital Provincial”, criticou.

Concretamente, Eva Solla preguntou ao conselleiro “cando van iniciar ese proxecto, cal vai ser o financiamento xa que polo momento non sabemos oficialmente que se desbotara a colaboración público-privada tampouco para a ampliación, e que medidas se van tomar para paliar os problemas estruturais actuais mentres non se levan a cabo as obras e que están a afectar tanto ao persoal sanitario como as usuarias e usuarios”.

Pola súa banda, Jesús Vázquez Almuiña, evitou contestar moitas preguntas de Eva Solla, así como ofrecer datos básicos como se o aparcamento será, ou non, de pago.

 

Relacionados