Eva Solla: “A nosa obriga é tecer alianzas e seguir a traballar nos espazos de confluencia”

A coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea, Eva Solla vén de participar no programa “Bos Días” da TVG, presentado polo xornalista Marcos Sueiro, no que falou de diversos temas de actualidade política.

Nada máis arrincar, falaron de Alcoa e “a necesidade de invertir na industria do noso país coa fin de protexer os postos de traballo”. Solla aplaudiu o preacordo acadado entre os sindicatos e a empresa estadounidense respecto ao ERE. “Se ben Alcoa actúa como un monopolio, se pode valorar a aplicación do artigo 128 da Constitución como opción para preservar a produción industrial en beneficio do interese xeral” de cara a garantir a produción de aluminio primario, así como para preservar os postos de traballo nas factorías.

Respecto aos Orzamentos do 2019, Solla sinala que concorda cen por cento con Yolanda Díaz. “A realidade é que se as únicas melloras que hai nos orzamentos en materia social son conqueridas en base a negociación que En Marea e o resto de partidos de ‘Unidos Podemos’ tivo en momentos previos co propio Goberno, en materia de investimentos territorializados en Galicia é un auténtico fracaso a presentación destes orzamentos. É un orzamento pequeno para as necesidades que tén o país e que consolida, ademáis, os recortes aplicados no orzamento por parte do PP nos anos previos. Se os orzamentos finalizan así non imos poder apoiar as contas do PSOE”, sinalou.

Solla lembrou que é preciso que “se invirta diñeiro para crear infraestruturas que vertebren o noso país”, en relación ás autovías e as liñas de tren. “Se un ve con detemento os orzamentos, fundamentalmente hai un problema no investimento co que tén que ver coas infraestructuras, e hai que engadirlle que temos perdido entorno a 800 millóns de euros desde 2011 en base a orzamentos previos, quedan lonxe de investir en infraestructuras que vertebren o país, o ferrocarril, pero tamén treitos de estradas, o ferocarril do norte… os orzamentos non conteñen partidas que poidan satisfacer as necesidades”, dixo.

Por último, destacou que, “de cara ás municipais, é a nosa obriga tecer alianzas e seguir a traballar nos espazos de confluencia”.

Non perdas a entrevista dende aquí.

 

Relacionados