Eva Solla, deputada do Grupo Común da Esquerda e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, levou esta mañá á Comisión de Sanidade dúas iniciativas fundamentais que atinxen á mala situación sanitaria que se está a dar na provincia de Pontevedra. En primeiro lugar, Solla reivindicou a necesidade de dotar de máis persoal de atención primaria en Arcade-Soutomaior e que se remate coa vulneración do dereito á saúde e, en segundo lugar, instou ao Goberno a comprometerse para dotar de orzamento suficiente para a ampliación do centro de saúde do Porriño.
Nada máis comezar a súa intervención, Solla lembrou que “neste verán se pechou o centro de Sotomaior porque o profesional que traballaba alí tivo que ir cubrir as vacacións doutro profesional do centro de Arcade”, unha situación que a deputada tachou de “inadmisible”, e que “afecta especialmente ás persoas que non teñen medios de transporte para trasladarse ata o outro centro”. “Onte estivemos falando coa Plataforma da Sanidade Pública de Arcade e nos trasladaban que foron moitas as persoas que tiveron que ir camiñando, case 50 minutos, dende un centro a outro”, sinalou a deputada, que resaltou que “a atención primaria, un eixe vertebrador do país, debe estar máis preto das persoas para garantir o dereito á saúde”.
“En xaneiro, no pleno, dende a Plataforma da Sanidade Pública de Arcade, trasladouse unha demanda de dimisión do Conselleiro de Sanidade pola súa mala xestión e, o alcalde Reguera, non apoiou isto e ademais defendeu a ‘boa xestión’. Isto é inadmisible cando se están a demandar máis persoal sanitario pola veciñanza”, dixo. Para a Xunta, “as baixas se están cubrindo ben, algo que para nós non é así, xa que non se pode concibir que para abrir un centro haxa que pechar outro”, sentenciou a deputada.
Respecto á falta de recursos na atención primaria do centro de Arcade-Soutomaior, Solla reivindicou a necesidade de contar cunha persoa máis que traballe en medicina de familia, xa que os tres cupos actuais están masificados. Tamén pediu un cupo máis de pediatría e tres novas prazas de enfermería, “moi necesarias ante os recortes ao que nos teñen acostumadas”.
Ampliación do centro de saúde do Porriño
Nunha segunda intervención, a voceira de sanidade do Grupo Común da Esquerda, lembrou a necesidade de ampliar o centro de saúde do Porriño, “un compromiso adquirido polo Goberno en 2009, aínda que a día de hoxe aínda non se fixo nada”. Para Solla, “este centro, que comparte dependencias co Punto de Atención Continuada que atende á poboación dos concellos de O Porriño, Mos e Salceda de Caselas ten un tamaño que dista moito de ser axeitado. Un dos problemas é a escaseza de espazos que impiden ampliar os servizos do centro, ou a ínfima superficie coa que conta o PAC, que obriga a moitos doentes a agardar nos corredores”, dixo.
Eva Solla tamén lembrou que, “no ano 2010, o Concello de O Porriño asinou un acordo coa Xunta de Galicia, deixando ao seu dispor unha parcela anexa de 525 metros cadrados. Durante os últimos anos, foron moitas as ocasións nas que se demandou a ampliación, votando o Partido Popular en contra, tanto de iniciativas coma de emendas aos orzamentos”. “De feito no mes de novembro de 2018, trasladado este asunto á Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, o grupo maioritario votou novamente en contra impedindo que se aprobase a súa ampliación. Os argumentos foron que non era necesario ao non ter máis aumento de poboación”.
“Un mes despois, e de xeito sorprendente, o Conselleiro de Sanidade visitaba O Porriño anunciando por enésima vez a ampliación do centro de saúde. Un anuncio no que se falaba de incrementar as consultas e dispor dun servizo de fisioterapia, pero que deixaba fóra outras melloras aprobadas previamente coma radioloxía, mellora da accesibilidade do centro ou zona de espera infantil, entre outras”.
O anuncio semellaba máis enmarcarse “na precampaña electoral municipal”, xa que resulta incomprensible que nun mes se tivese mudado de opinión, pero tamén porque “non existe ningunha partida específica nos orzamentos de 2019, polo que semella que non hai vontade deste goberno de levar a cabo este proxecto”. “Non é comprensible que estando licitada á redacción do proxecto, a Xunta non comprometa orzamento para licitar as obras antes de rematar a lexislatura”, rematou.