Eva Solla e Yolanda Díaz reúnense con CCOO e co persoal técnico de enfermería para abordar unha proposta sobre a súa clasificación profesional

A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla; a deputada de En Común, Yolanda Díaz, o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento e o secretario xeral de CCOO de Sanidade, Antonio Cabrera, mantiveron esta mañá unha xuntanza co persoal técnico de enfermería (TCAE) cos que falaron sobre a necesidade de recoñecemento na clasificación profesional destes últimos.

Eva Solla sinalou que moitas destas iniciativas, de cara a que se recoñezan as competencias profesionais de diversas profesións dentro do sistema sanitario, xa foran trasladadas ao Parlamento, “así como a da necesaria cualificación C1 para técnicos sanitarios”, dixo.

“Aprobouse unha iniciativa por maioría no mes de maio no Parlamento. O PP e o PSOE poñían dificultades e fixemos un esforzo para chegar a un acordo e entendemos que ten que trasladarse ao Consello Interterritorial de Sanidade. Imos reclamarlle á Xunta de Galicia que traslade a necesidade de que esta cuestión se debata”, insistiu Solla.

“No que atinxe a competencias de Estado sobre a recualificación da propia formación e da clasificación profesional, presentamos unha iniciativas no Congreso, tanto cando gobernaba Rajoy como Sánchez”, afirmou Yolanda Díaz, que engadiu que “da tristura ver que xogan con isto goberne quen goberne”. Por isto mesmo, a deputada lembrou que “estar en funcións, da lugar a unha situación complexa”.

No encontro, tamén se falou da atención ás persoas dependentes e do financiamento do sistema sanitario. Antonio Cabrera, secretario xeral de CCOO de Sanidade, incidiu tamén no sector da dependencia, “un sector altamente feminizado, moi precario, con condicións que rozan o límite do normal”. Ante isto, insistiu en que “a principal demanda é que o estado cumpra coa Lei de Dependencia. Cando se aprobou, había unha previsión de que o Estado financiase o 50% das CCAA. Hoxe o estado financia o 19% e as CCAA o 81%. Se o Estado cumprise, teríamos uns salarios decentes, algo que ahora mesmo non temos”, apuntou, polo que cada vez estamos a perder máis dereitos.

Relacionados