Eva Solla, elixida como nova coordinadora de Esquerda Unida na XII Asemblea Nacional

Eva Solla: “Asumo con alegría e con moita responsabilidade este novo traballo dende a dirección de Esquerda Unida, na que me acompañarán moitas compañeiras/os valiosos da organización”.

Alberto Garzón: “Esquerda Unida soubo superar dificultades e foi capaz de construír, con humildade, espazos de confluencia e unidade que permitiron iluminar o cambio en moitas cidades, de momento, e esperemos que pronto, no resto do Estado”.

 

Esquerda Unida celebrou en Compostela a súa XII Asemblea Nacional, que rematou coa elección de Eva Solla como nova coordinadora nacional de Esquerda Unida, sucedendo no cargo a Yolanda Díaz. Co lema “A Forza das Ideas”, neste acto participaron 250 delegadas/os e 50 convidadas/os, así como diferentes movementos e organizacións sociais. Esta asemblea estivo presidida por unha mesa composta só por mulleres, na confianza que Esquerda Unida ten no papel da muller á hora de conquistar espazos e construír futuro e como mostra de rexeitamento da violencia machista.

“Asumo con alegría e con moita responsabilidade este novo traballo dende a dirección de Esquerda Unida, na que me acompañarán moitas compañeiras/os valiosos da organización. Tivemos un debate productivo, sereno, tranquilo e fraterno. Nos próximos anos queda moitísimo traballo por facer e temos unha idea ou plantexamento inicial que pasa por recuperar ese traballo de rúa, o traballo nos moventos sociais e co resto de colectivos agredidos. Un traballo de acompañamento das concelleiras/os que temos por toda Galicia, por esa base que é o municipalismo. Agora, se abre un tempo fundamental e a nova executiva que elixiremos nestas semanas ten retos moi importantes que afrontamos con alegría, con ganas de comezar e con moita forza”, sinala Eva Solla, nova coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Alberto Garzón, coordinador Federal de Izquierda Unida, recoñeceu que “Esquerda Unida soubo superar dificultades e foi capaz de construir, con humildade, espazos de confluencia e unidade que permitiron iluminar o cambio en moitas cidades, de momento, e esperemos que pronto, no resto do Estado”.

Segundo o coordinador Federal, “esta filosofía é a que intentamos trasladar no resto do Estado e a que imos manter con direccions renovadas e, para lograr esta transformación social do noso país, precisamos contar con moita máis xente, partidos e organizacións aliadas, aínda sabendo que sen Izquierda Unida ese cambio non vai ser posible, polo que reivindicamos a fortaleza da nosa organización e a adaptación a uns tempos onde é preciso unha esquerda organizada, con valor propositivo e en defensa da unidade popular”, dixo.

Garzón salientou que, un destes exemplos de unidade, é Esquerda Unida, “que nos iluminou o camiño no resto do Estado, un camiño que non é sinxelo, pero demostra que, cando estamos convencidas/os do que facemos, con perseverancia, acaba saíando ben. Entramos nun país corrompido polo PP e, ante iso, precisamos unha esquerda forte e, para tela, ten que contar coa nosa filosofía”.

Ao comezo da asemblea, Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida, destacou que “esta Asemblea non é unha máis, é unha asemblea dunha organización moi madura en Galicia despois de anos de travesía no deserto, dunha organización con moita presenza política e institucional; e con futuro”. Rubén Pérez destacou o traballo xunto aos diferentes colectivos e organizacións levado a cabo neste tempo, e explicou que é de “gran importancia a presenza con máis dos vinte colectivos de todo tipo, organizacións sociais e comités de empresa que participarán á tarde nunha asemblea composta de delegadas/os, nova, aberta e democrática, no que calquera militante poida votar o documento político e informe de xestión”, indicou.

Na súa intervención da mañá, Yolanda Díaz destacou que “hoxe é un día de satisfación, de tranquilidade e de alegría. Esquerda Unida ten enormes retos para construír, non soamente un movemento popular, senón tamén para traballar por unha maioría social”.

Díaz destacou que “estamos facendo o que temos que facer e fomos casi adiantadas cando arrancamos no Teatro Principal de Vigo, en 2010, con esa chamada á unidade popular daquela, que foi arriscado, pero sen estes pasos hoxe non sería posible camiñar neste novo tempo novo político e facendo historia”.

Durante a Asemblea acordáronse unha serie de resolucións que representan a esencia do ideario de Esquerda Unida como organización que defende á clase traballadora mediante a aplicación de políticas de esquerda, rupturista e transformadora. Varias foron as temáticas que abrangueron as 13 resolucións aprobadas: desde a necesidade dun novo marco lexislativo para a recuperación da memoria democrática en Galicia ata a defensa da filosofía no sistema educativo público. Destacaremos as dúas resolucións aprobadas no eido internacionalista en apoio á soberanía do pobo venezolano e de solidariedade coa revolución bolivariana e en defensa do dereito do pobo saharauí a vivir en paz no seu territorio.

No eido social, teñen especial importancia as resolucións aprobadas para denunciar a mercantilización do corpo das mulleres, asi como a que pula por unhas políticas reais en contra da violencia machista e o establecemento dun marco que, da man dunha rendas básica de cidadanía e do traballo garantido permita unha vida digna e plena a todas as persoas. Acordáronse tamén dúas resolucións para loitar contra a corrupción e para derrogar a lei Montoro, que frea e atranca a vida pública municipal. Finalmente, unha resolución para que se proceda ao saneamento integral da Ría do Burgo.

A XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida deixou manifesto que, ante a situación de empobrecemento da sociedade galega, de perda de dereitos e degradación dos servizos públicos, somos unha ferramenta necesaria para a transformación das políticas que máis afectan a galegos e galegas.

Relacionados