Eva Solla esixe melloras no centro de saúde de O Porriño onde acadan temperaturas de ata 35 graos

Esta mañá, a deputada de En Marea e coordinadora de Esquerda Unida, Eva Solla, trasladou na Comisión de Sanidade a necesidade de realizar unha ampliación no centro de saúde de O Porriño, así como a súa debida dotación de medios técnicos e humanos nun centro onde, estes días, estase a chegar aos 35 graos de temperatura.

“No ano 2010, o Concello do Porriño asinou un acordo coa Xunta de Galicia no que puxo a disposición da mesma unha parcela cunha superficie de 525 metros cadrados para ampliar o Centro de Saúde. É por iso que, o que esiximos, é unha demanda que leva unha década pendente de ser atentida pola Xunta, a pesar de que o centro segue incrementando o número de usuarios”, explicaba Solla. 

O espazo non é suficiente e as altas temperaturas que se acadan no edificio non son normais. Segundo sinalou Solla, “as temperaturas non son compatibles, nin co exercicio da profesión sanitaria, nin con persoas doentes que usan o centro de saúde”, que non poden estar baixo ese calor. Por todo isto, a deputada instou a “realizar todas as accións precisas para acabar con estes problemas, xa que as persoas usuarias do centro xa tiveron paciencia abondo nestes anos”.

Durante a Comisión, Eva Solla defendeu tamén un servizo de ambulancia medicalizada para a comarca do Salnés durante todo o ano, “unha demanda histórica que non se entende que a día de hoxe siga sen ser atendida, dado que obriga aos profesionais sanitarios do PAC a desprazarse a urxencias, deixando desatendido o centro”.

Ver vídeo dende aquí

Relacionados