Eva Solla esixe o cumprimento das directivas europeas en materia de tempos de traballo e de xornada laboral dos profesionais dos PACs

Eva Solla, deputada e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, levou de novo á Comisión de Sanidade unha iniciativa respecto ao incumprimento sistemático co reflectido nas directivas europeas e das normativas en materia de tempos de traballo e de xornada laboral dos profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PACs), uns dereitos que a Xunta de Galicia segue a obviar.

“Non pode ser que a administración pública sexa a que incumpra os mínimos de persoal. Levamos nove meses de folga e seis indefinida, ata cando teremos que seguir en folga?”, inquire Solla. “Levamos un ano e medio trasladando aquí esta cuestión e a levaremos de novo as veces que faga falta, xa que o persoal non reivindica melloras salariais, só que se cumpra a normativa de traballo e de días de descanso”, sinala a deputada.

“A isto súmase o falecemento dunha persoa nun PAC do SERGAS o pasado verán —sen que esta fose atendida por mor das carencias de persoal sanitario—, un suceso que nunca se debería ter producido e que non queremos que isto volva a pasar. Se tan importante era para o PP, aínda non temos as conclusións da Comisión que se levou a cabo para estudar este tema”, sinalou.

“O incumprimento das normativas fai que o persoal siga a traballar en condicións precarias que aumentan cos recortes na sanidade pública, agravando a situación, tanto en recursos humanos e materiais como en retribucións e presión asistencial, especialmente dende a creación das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada”, di Solla.

Tal e como explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, “o persoal dos PAC leva moito tempo denunciando as condicións de precariedade nas que se ven obrigadas a desenvolver o seu traballo.

As carencias de persoal estruturais das urxencias de atención primaria fai que moitos centros permanezan cun só equipo de traballo (profesional medicina/profesional enfermaría) que ten que encargarse de atender consultas, domicilios e saídas nas ambulancias.

É precisamente esa realidade do día a día o que fai que, en ocasións, os centros estean desprovistos de profesionais. “Os descubertos xa os denunciaba antes de poñerse en folga. Non hai vontade de aumentar o  persoal”, apunta a deputada, “cando persoal formado temos de sobra”.

Por todo isto, “pedimos que se respecte o recollido nas directivas europeas sobre os tempos de traballo do persoal, así como non aumentar a xornada laboral efectiva de 1451 horas actuais, sendo calquera exceso de xornada voluntario, incentivado e por tramos, así como a necesidade de aboar as dietas de domingos e festivos tanto pola comida como pola cea”.

A Xunta debe aos traballadores e traballadoras parte do seus salarios dende fai anos e obriga ao persoal público a recuperar as horas derivadas, por exemplo, de incapacidades temporais por enfermidade ou por permisos ante o falecemento dun familiar; unha situación que viola todos os dereitos laborais. Por todo isto, dende Esquerda Unida apoiamos as reivindicacións dos PACs contra a precariedade que sufre o persoal sanitario e esiximos á Xunta que se sente a negociar as melloras reclamadas dende fai meses polas profesionais.

Ver a súa intervención:

Relacionados