A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, vén de defender na Comisión de Sanidade da pasada semana unha iniciativa para que non se recorte o cadro de persoal sanitario do centro de saúde de Fene. “Dos dez profesionais médicos do centro quedan oito, xa que a Xunta non cubre unha baixa de longa duración e unha xubilación”, apuntou.
“Ter menos profesionais no centro de saúde de Fene fai que se incremente o número de persoas para atender, así como a espera. Xa basta de deteriorar a nosa sanidade. Poñan os medios suficientes para poder deixar de traer iniciativas sobre as consecuencias dos seus recortes”, sentenciou a deputada.
Visita ao centro de saúde de Fene:
Fai un mes, Eva Solla visitou o centro de saúde de Fene para coñecer de primeira man a situación que está a vivir este centro tras a perda de dúas prazas de médico.
Eva Solla, tras reunirse co persoal do centro, xunto coa concelleira de EU en Fene, Mª Carmen Martínez, trasladou o compromiso de En Marea de seguir a pedir no Parlamento de Galicia que se cubran estas dúas prazas neste centro de saúde. O que está a facer a Xunta é repartir os pacientes destes dous médicos forzando a outro médico a facer unha prolongación de xornada, situación na que leva xa 3 meses, e que a deputada cualificou como “indecente”.
“Non valen as excusas do conselleiro de Sanidade e do presidente da Xunta dicindo que non hai profesionais para contratar. Hai pero necesitan contratacións estables e de calidade”, asegurou Eva Solla. Así mesmo, considerou que “non é normal” nin se pode aceptar que un profesional teña que atender a 70 profesionais diariamente como algo habitual, “esta non pode ser a normalidade no noso sistema sanitario”. A concelleira de EU en Fene, Mª Carmen Martínez, demandou igualmente que se contraten médicos para cubrir estas prazas e coincidiu en negar as xustificacións dadas polo Presidente da Xunta de Galicia cando di que non hai médicos asegurando que si hai médicos pero as condicións que se lles ofrecen non son axeitadas e terminan por marchar de Galicia a traballar.
Ver a súa intervención en: