Eva Solla fala sobre violencia machista, desemprego e outros temas de actualidade política en Radio Galega

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, foi entrevistada esta semana sobre actualidade política no espazo “Os Almorzos”, dentro do programa Galicia por Diante, de Radio Galega, onde estivo falando sobre violencia machista, desemprego e outros temas de relevancia da actualidade.

Preguntada por En Marea, Eva Solla destacou que “estamos á altura do traballo que se espera do primeiro grupo da oposición no Parlamento de Galicia”. Para iso, En Marea “pon o aceno nos problemas económicos e sociais do país” e, segue a traballar para “construír unha alternativa de esquerda en Galicia e ofrecer unha alternativa ao goberno do PP”.

“A Xunta defende un crecemento económico do 3% e isto non está reflectido nuns orzamentos que son restrictivos no social; non se ve mellora para a clase traballadora”, sinala Eva Solla. “Tamén nos segue a preocupar os datos de desemprego é ese 92% de contratos precarios que o que está a facer é cronificar a precariedade”, apuntou a coordinadora de Esquerda Unida.

En materia sanitaria, Solla destacou que “a reducción das áreas sanitarias da nova lei -que se tramitará no Parlamento de Galicia nos próximos meses- e que pretende levar a cabo a Xunta, irá encamiñada a un empeoramento da atención sanitaria para as galegas e galegos e suporá outro paso máis na intención do PP de desmantelar a sanidade pública”.

Por todo isto, Solla asegura que no próximo período de sesións seguirán poñendo o acento “na defensa dos servizos públicos” e na presentación de iniciativas para “loitar contra a precariedade laboral e a exclusión social”. Así, destaca que se mobilizarán na defensa da sanidade pública e critica a lei de saúde que se tramitará no Parlamento de Galicia nos próximos meses.

Eva Solla tamén foi preguntada sobre a violencia machista, enraizada nas nosas sociedades. “Vivimos nunha sociedade patriarcal e machista e precisamos unha educación en valores de igualdade e en valores de xénero. Respecto a isto, o Goberno leva a cabo medidas insuficientes para protexer ás mulleres e, os orzamentos destinados á igualdade, son escasos(…) aínda queda moito por facer na loita feminista”, sinalou.

Na entrevista de “Os Almorzos” de “Galicia por Diante”, Eva Solla lembra que Esquerda Unida aprobou o pasado verán un documento político no que apostaba polos procesos de confluencia e que, nesa liña, seguen a traballar dende o 2015.

Escoita a entrevista en Radio Galega dende aquí

Relacionados