A voceira de sanidade e deputada de En Marea, Eva Solla, defendeu este mércores no Pleno a necesidade de que a Consellería de Sanidade escoite as demandas das e dos profesionais sanitarios.
“Galicia sofre unha crise sanitaria e, cada ano, hai saturacións e colapsos nas Urxencias. Mentres, a Consellería non move un dedo nin atendede as demandas das e dos profesionais”, dixo Solla, para quen a Consellería de Sanidade “ten moi mal tratada a prevención e a atención primaria. Para ofrecer unha mellor atención primaria son necesarios máis profesionais, porque con 50 atencións diarias é imposible que se faga ben o traballo”, sinalou.
“Sanidade négase a dar as cifras de agarda, as de verdade, non as que anunciou a Consellería este último mes. Levo anos esperando a que Sanidade entregue as cifras que ten a obriga de dar e que seguen ocultado”.
“Cando se recortan cartos da sanidade pública, cando se castiga aos profesionais, cando as listas de agarda se prolongan… o que sucede é que se incrementan as pólizas de seguros privados. Iso é o que busca o PP”, incidiu.
“En 10 anos destrozaron a sanidade pública galega: temos unha crise sanitaria descomunal. Mentres, a Consellería segue con recortes e sen planificación algunha”, indica a deputada. “A pregunta é sinxela, pero o Goberno non quere contestar: canto tempo ten que esperar alguén para ser atendido na sanidade galega, canto tempo ten que pasar nun corredor sen ser atendido a pesar de haber camas libres?”, rematou.
Ver o vídeo en: