Eva Solla insta á Xunta de Galicia a desenvolver un Plan de Saúde Mental

Eva Solla, deputada de En Marea e membro da dirección de Esquerda Unida, defende no Pleno do Parlamento de Galicia a creación dun Plan de Saúde Mental con carácter urxente mediante unha comisión técnica que estableza un proceso participado por todas as profesionais da saúde mental e cun compromiso orzamentario que permita levalo a cabo.

“A saúde mental é a irmá pobre do conxunto do sistema sanitario e unha das que máis se viu afectada polos recortes orzamentarios, xusto nun momento, o da crise, no que máis se precisa a atención a este tipo de doenzas”, sinala Eva Solla que tamén lembrou que “hai constantes queixas dos colectivos de profesionais que traballan nestas unidades por ausencia de protocolos e listas de espera interminables”.

O incremento notable de suicidios tralo comezo da crise tampouco ten xerado unha resposta adecuada por parte da Consellería de Sanidade, polo que dende En Marea volverase a levar ao Pleno a solicitude dun novo Plan de Atención e Prevención do Suicidio, con axudas, recursos e saídas sociais que contribúan a minimiza a incidencia deste tipo de mortes.

Ver vídeo da intervención dende aquí.

Relacionados