Eva Solla insta ao Conselleiro de Sanidade a arranxar dunha vez as deficiencias estruturais do Centro de Saúde de Mugardos

Na sesión plenaria do Parlamento de Galicia, a deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento, Eva Solla, instou ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, a arranxar con urxencia as deficiencias estruturais e materiais do Centro de Saúde de Mugardos, para o que pediu que se incluíse unha partida suficiente nos orzamentos do vindeiro ano. Nesta sesión acudiu tamén a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz.

Tal e como denunciou Eva Solla na sesión plenaria, o centro “amosa unhas deficiencias estruturais e materiais que precisan ser arranxadas con urxencia” e que “necesitan de partidas orzamentarias por parte da Xunta para levalas a cabo, tales como a reparación da cuberta do edificio, as deficiencias no sistema eléctrico, a necesidade de instalación dun ascensor e obras para facer o edificio accesible, así como reformar os baños da primeira planta, a reforma integral da planta baixa”, entre outros problemas.

Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario de En Marea preguntou ao Conselleiro de Sanidade cando tiñan pensado dotar dunha partida orzamentaria suficiente a este centro para poder levar acabo estas obras necesarias no menor tempo posible. Pola súa banda, o Conselleiro respondeu dicindo que xa tiñan adxudicada a instalación do ascensor e o cambio da caldeira e pendente de adxudicar obras de reforma na planta baixa. Para Solla estas adxudicacións non son suficientes, xa que quedarían aínda pendentes obras moi importantes en relación ao centro.

Ver o vídeo dende aquí

Relacionados