Eva Solla denuncia o asasinato da ecoloxista Lesbia Yaneth por enfrentarse a multinacionais

Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, cualificou esta mañá o asasinato da ecoloxista Lesbia Yaneth como “unha mostra máis da violencia que sufre o pobo hondureño dende o golpe de Estado perpetrado contra Zelaya en 2009. Dende entón, a corrupción, as agresións e a perda de soberanía son a tónica xeral dun Estado fallido onde o poder das multinacionais semella estar por enriba mesmo dos dereitos humanos”.

Esquerda Unida condea a violencia e asasinatos de aqueles e aquelas que loitan contra as privatizacións, e a favor do medioambiente, os dereitos laborais e o feminismo. A súa vez,condeamos a indiferencia da Comunidade Internacional e do propio Goberno de España, impasible ante estas violacións de DD.HH.      

De feito, o pasado 13 de xuño, Esquerda Unida, dende AGE, rexistrou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar que o Goberno de Honduras permitira que a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) formara unha Comisión de Expertos Internacionais Independentes para acompañar a investigación do asasinato de Berta Cáceres, tendo en conta evidencias de opacidade na propia investigación.

Nesa mesma iniciativa, acollendo as consideracións do informe ¿Cuántos más? da ONG inglesa Global Withness, que alertaba sobre o asasinato de máis de 111 activistas ambientalistas asasinados entre 2002 e 2014, e de que outras 100 persoas teñen que vivir con medidas de protección cautelar, reclamábamos que Honduras non fuxira da súa responsabilidade, xa que a pesar destas medidas, Berta Cáceres e outras 15 defensoras de DDHH foron asasinadas entre o 2010 e o 2016. Desgrazadamente, o número de vítimas segue aumentando e, concretamente hoxe, temos que lamentar unha morte máis, a da dirixente ecoloxista‪‎Lesbia Yaneth.

Por iso, dende Esquerda Unida consideramos que é de vital importancia que se cumpra a resolución do Parlamento Europeo adoptada o 14 de abril de 2016 sobre Honduras e a Situacións dos e das Defensoras de Dereitos Humanos (2016/2648 (RSP)), que considera que todos os investimentos europeos deben formar parte dun conxunto sólido de políticas de salvagardas ambientais e sociais e pide á Comisión e ao Servizo Europeo de Acción Exterior que non se facilite axuda europea a proxectos que non cumpran co requisito da consulta previa, libre e informada ás comunidades indíxenas, garantan unha consulta significativa de todas as comunidades afectadas e garantan o cumprimento dos dereitos humanos, laborais e a protección ambiental.

Relacionados