Eva Solla: ” O 2020 foi o ano da mentira do goberno da Xunta de Galicia”

A coordinadora nacional de Esquerda Unida Eva Solla, fixo unha balance deste ano 2020 marcado pola pandemia e que remata sen ter cumplidas unha boa parte das medidas que se tiñan que ter tomadas desde a Xunta de Galicia para facer frente ao impacto da crise sanitaria.

“Rematamos o ano da mentira por parte da Xunta de Galicia”  manifesta Solla. No que afecta á materia sanitaria, “mentían cando dixeron que ían ofrecer estabilidade ao persoal sanitario e só ofreceron máis contratos de precariedade” e cuns orzamentos para este 2021 que apenas presentan partidas de incremento de persoal para atención primaria

Un ano de mentiras no relativo á atención de maiores. “Ante a situación provocada pola pandemia o goberno de Feijóo desatendeu ás persoas persoas maiores mantendo un sistema privatizador no que trascendeu a realidade dunha atención deficitaria e en moitas ocasións inhuman de desnutrición e malnutrición tal como se ten denunciado publicamente” di Eva Solla. Situación que por outra banda denunciou  Esquerda Unida ante o Parlamento Europeo.

A coordinadora nacional cualificaba “un ano de mentiras no relativo á economía, a  axudas prometidas para a hostelaría e o pequeno comercio que a piques de rematar o 2020 o goberno autonómico apenas fixo efectivas”. As medidas e restriccións derivadas da pandemia precisan ser acompañadas de axudas económicas para facer frente aos gastos xerados pola situación da pandemia.

“O pequeno comercio, que xa viña arrastrando unha situación complicada que levou ao peche no 2019 de preto de 10.000 establecementos, se non perciben axudas anunciadas polo goberno autonómico, os peches convertiránse na tónica xeral para o vindeiro 2021” advirte Solla.

Un 2020 de mentira no relativo á industria, engade Solla, “tivo que vir unha sentencia sobre Alcoa para dar a razón á loita sindical e dos traballadores.  A Xunta non intervíu en todo o 2020 nin en Alcoa nin en Aluibérica pese a ter competencias na materia”. Por outra banda “Siemens-Gamesa atópase tamén nunha situación asfixiante coa ameaza de peche e que pese a ser a única empresa en Galicia que constrúe pás de muíños eólicos,a Xunta de Galicia que si ten competencias decide unha vez máis non actuar” manifesta Solla, “non deixa de ser paradóxico a inacción da Xunta mesmo cando esta vén  de facilitar a implantación de macroplantas eólicas por todo o país”.

“Cero axudas para pesca e marisqueo  pese a alarma de moitas mariscadoras que non podían saír   e cero  tamén para a xestión no marco das novas cotas que se acaban de asinar na Unión Europea para pesca de altura para Galicia e tamén en relación ao impacto do Brexit na nosa pesca” indica Solla.

Esquerda Unida  conidera que a Consellería do Mar e a Xunta de Galicia deben aclarar a súa actuación durante estes 2 anos cando as desvantaxes deste acordo xa eran coñecidas e o risco estaba por riba da mesa, que vai facer agora a Xunta de Galicia máis alá de declaracións, cando este acordo xa está asinado e dá continuidade polo tanto a ausencia de política pesqueira e a política de desguace da nosa flota.

“A política da Xunta no ámbito social é mentira, ningunha medida para vivenda pública nin axudas sociais, o que significa o abandono das familias neste marco de pandemia” continúa Eva Solla. “A mesma sorte de abandono corre a medida estrela anunciada por Feijóo no relativo ás escolas infantís e reto demográfico no que anunciaba á gratuidade da escola infantil de 0 a 3 anos para as familias co seu segundo fillo a cargo. A tres días de rematar o ano, aínda non está asinada a prórroga desta axuda para o ano 2021”.

Así mesmo, a Xunta renuncia nos seus orzamentos a incrementar o capítulo de ingresos para investir en servizos públicos, dereitos sociais e emprego, acumulando así máis de 1500M de euros anuais de pago en xuros e intereses, a mesma cantidade coa que este ano se incrementan os orzamentos a conta dos fondos europeos e do goberno central.

Esquerda Unida considera que as contas autonómicas que se van aprobar para este 2021 amparan as mentiras de Feijóo e hipotecan o futuro do país.

Relacionados