Esta mañá, Núñez Feijóo pronunciou “un discurso frívolo”, no que mesmo chegou a comparar “o Golpe e a Ditadura Franquista cos problemas de Cataluña”. Segundo explica Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, Feijóo, no seu discurso, “non falou de Galicia, senón máis de Cataluña ou de vangloriar unha Constitución que non se cumpre no noso país, no tocante ao acceso á sanidade ou vivenda, ou tamén no reparto da riqueza”.
“Tampouco falou dos problemas da xente. Feijóo dixo que a recuperación económica fixo a moitos esquecerse da crise, unha frivolidade cando temos 600.000 persoas que viven en situación de pobreza ou exclusión social ou cando tardamos 10 anos en recuperar o PIB e, sen embargo, non recuperamos nin salarios nin as condicións laborais de antes da crise, unha frivolidade cando seguen a marchar mozas e mozos do país”, expón Solla.
“Nin unha palabra para dirixirse aos problemas da xente, ou ás 40.0000 persoas que saíron en Vigo para manifestarse pola sanidade pública, as nais e pais que protestan pola carencia de pediatras, ás dimisións de xefes de servicio de atención primaria, aos profesionais de sanidade en folga, palabras para os traballadores de Alcoa ou de Vulcano; non hai palabras para a perda da nosa industria”, apunta.
En resumo, un ano máis estamos diante dun discurso lonxe dos problemas das galegas e galegos, dun discurso dun presidente máis preocupado por Catalunya que polos problemas reais de Galicia, ningunha palabra para a industria, para o mar, nin para os problemas derivados dos recortes (tanto na sanidade pública como na educación), en definitiva ningunha palabra para as persoas que padecen as súas políticas.
Un ano máis, estamos diante dun discurso lonxe dos problemas da clase traballadora. É por iso que consideramos que o Goberno vai seguir na mesma senda de recortes e de políticas antisociais.
É por iso que dende Esquerda Unida agardamos que este 2019 comece de maneira combativa polos dereitos da clase traballadora, pero tamén polos dereitos das mulleres, así como pola loita na mellora dos servizos públicos, para os que Feijóo non tivo ninguna palabra no seu discurso.
Escoitar o audio dende: