Eva Solla: “O Hospital de Verín é un claro exemplo da política de deterioro de servizos públicos por parte do PP”

A deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, vén de reclamar na Comisión de Sanidade que o Hospital de Verín conte cunha unidade de hospitalización a domicilio, “que se reabra a Unidade de paliativos e que o 061 teña base neste hospital. Pedímolo como o pediron estes días as veciñas da comarca mentres a Xunta mira para outro lado e recorta”, dixo.

Solla referíase á manifestación do pasado sábado en Verín a prol da defensa da sanidade pública e en protesta polo desmantelamento do Hospital comarcal, baixo o lema “non somos números, somos persoas“. Segundo a Policía Local, 4.000 persoas marcharon baixo a chuvia, nunha participación que superou as previsións e que o PP obviou.

“O Hospital de Verín é un exemplo desa política de deterioro de servizos públicos: a unidade de Coidados Paliativos non existe, en traumatoloxía, de catro facultativos agora hai a metade e o aumento das listas de espera provoca derivacións contantes á sanidade privada”, sinalou a deputada. “O Hospital de Verín é un claro exemplo desta política de deterioro de servizos públicos”, salientou Solla.

“Ademáis dos problemas do Hospital de Verín, existen demandas comúns ao Sistema Galego de Saúde, como a falta de persoal en xeral, o que fai que unha auxiliar atenda ata 20 pacientes”, explicou.

Ver a intervención de Eva Solla 

 

Relacionados