Esquerda Unida vén de coñecer o informe do Valedor do Pobo correspondente a ano 2018, un informe que, en palabras da coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, “deixa ver claramente que os recortes da última década, sobre todo en materia de persoal, afectan á calidade dos nosos servizos públicos”.
Este informe preséntase da man da nova valedora, Dolores Fernández Galiño, aínda que reflicte a actividade de cando estaba no posto Milagros Otero, que dimitiu fai tres meses tras ser acusada por dar un cargo á sobriña do expresidente Manuel Fraga. “Pese a ser un informe compracente co PP, pon en evidencia o fracaso da súa xestión nos servizos públicos, concretamente en sanidade e política social”, precisa Eva Solla.
Segundo apunta Solla, aquela “austeridade” remata por ser “o gran fracaso de Feijóo, xa que só leva a aumentar a precariedade e a temporalidade laboral o que, tal e como di o informe, resulta nefasta para o bo funcionamento dos servicios públicos”. Por exemplo, en materia de sanidade, o informe destaca “as contundentes reivindicacións referentes á cobertura de persoal, tanto a nivel de atención primaria como hospitalaria”.
Non é casual que a maior parte das reclamacións se centren na diminución de profesionais sanitarios, na redución de servizos sanitarios e nas demoras na atención sanitaria. A consellería tampouco fixo caso ás reivindicacións en falta de pediatras, remitidas pola valedora. Por todo isto, “tanto os usuarios como os profesionais da sanidade están a percibir un deterioro continuo na mesma, o que é moi preocupante, xa que estamos a falar sobre un servizo público esencial co que a Feijóo non lle treme a man á hora de recortar”, di Solla, que destaca tamén as “queixas no referente ás listas de espera, que non deixan de ser un problema estrutural da nosa sanidade e deixan ver una clara e inexistente planificación”.
Respecto a medio ambiente, o informe fai referencia concreta aos vertidos de lindano no Porriño. Dende Esquerda Unida denunciamos en diversas ocasións o abandono dos poderes públicos á veciñanza do Porriño, así como a falta de implicación da Xunta de Galicia, a pesar de coñecer a existencia de milleiros de quilos de residuos enterrados en Porriño e na zona da Louriña, así como a necesidade de artellar dunha vez por todas un Plan de Descontaminación moi necesario para a zona.
Respecto á educación, é moi destacado a ausencia de profesorado de apoio. Segundo a valedora, o 12% de alumnado de Galicia presenta algún tipo de necesidade de apoio educativo, sendo esta falta de profesorado un dos principais motivos que atendeu a valedoría e que levamos anos a denunciar dende EU, igual que aparece pola reclamación de ausencia de prazas das escolas infantís. A demanda universitaria continúa en vertixinoso descenso: segundo o IGE, en 2001 o alumnado universitario era de 95.350 persoas e, no curso 2017, de 56.878. Este descenso chama moito a atención e lamentamos que as políticas do PP só fagan empeorar as condicións laborais dunha mocidade condenada a vivir condicións precarias inaceptables.
Neste informe ocupa un lugar prioritario tamén a situación da pobreza enerxética e a necesidade de impulsar medidas que garantan a protección do consumidor vulnerable ante as empresas comercializadoras. A pobreza enerxética é un dos principais problemas sociais e económicos desde o estalido da crise. Á cronificación do desemprego e á drástica redución de salarios sumouse unha escandalosa subida de tarifas, provocando un escenario de evidente vulnerabilidade e risco para moitas persoas. “É fundamental acabar cos abusos que afectan a un servizo esencial, así como esixir ao Goberno do PP que regule unha tarifa alcanzable á que poidan acollerse todos os consumidores domésticos, unha tarifa social para familias con baixos niveis de renda”, remata Solla.