A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, vén de trasladar na Comisión de Sanidade a situación que vive o persoal sanitario das urxencias do hospital de Compostela, así como a necesidade de incrementar o cadro de persoal. As traballadoras e traballadores denuncian falta de medios, tanto materiais como humanos, “que provoca situacións de moitas tensión entre o persoal das urxencias, que ve como ante a desidia da dirección do hospital empeora a calidade asistencial”, sinalou Solla.
“A pasada semana o persoal do Hospital de Compostela volveu mobilizarse xa que, ademais da necesidade de contratar máis traballadoras/es, agora anúnciase un novo peche de camas durante o verán, o que só empeorará a situación do servizo”, dixo Eva Solla na Comisión de Sanidade.
“Hoxe voltamos traer a pregunta sobre as urxencias do hospital do CHUS, xa que a Xunta segue a facer oídos xordos ás necesidades de incrementar o cadro de persoal e as e os profesionais non saben a quen acudir para poder levar a cabo un traballo de calidade”, lembrou a deputada.