Eva Solla pregunta ao Conselleiro de Sanidade sobre a situación das urxencias do CHUS

A deputada de En Marea, Eva Solla, vén de interpelar no pleno do Parlamento de Galicia ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, respecto á alarmante situación dos servizos de urxencia galegos, concretamente o do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que seguen a padecer unha carencia de medios humanos e materiais.

“Aquí se negou o aumento de persoal e de medios que reclaman as e os profesionais ante a grave situación que se está a dar nas urxencias. Pero o Goberno galego segue sen dar paso algún para atender estas demandas ou acabar coa saturación nas urxencias que se da todo o ano”, apunta Solla.

“Os e as profesionais do CHUS denuncian a falta de medios, persoais e materiais, que provoca situacións de tensión entre as traballadoras e traballadores das urxencias, que ven como, ante a desidia da dirección do hospital, empeora a calidade asistencial”, lembrou Solla, que recalcou que “a situación que está a vivir o persoal sanitario do CHUS é intolerable”. En canto ás deficiencias materiais, Solla denuncia que o persoal “está a traballar con aparatos de fai 20 anos, que dado o uso continuo ao que se someten en urxencias, atópanse nunhas condicións lamentables”.

Ante a negativa da Consellería de aceptar as demandas de incremento de persoal, prosegue a folga en urxencias. “Durante esta mesma semana, os corredores de urxencias volveron amorear doentes en padiolas e cadeiras de rodas”, lembrou Solla, que rematou preguntando ao conselleiro se, “como di que todo está ben na sanidade pública, entón: porque fan folga os profesionais do Clínico?”.

Ver vídeo en: 

Relacionados