Eva Solla pregunta ao Goberno sobre as medidas para garantir o dereito á saúde da veciñanza afectada pola contaminación de lindano en O Porriño

Eva Solla, deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, vén de preguntar ao Goberno sobre as medidas que pretén adoptar para garantir o dereito á saúde da veciñanza afectada pola contaminación por lindano en O Porriño. Para Eva Solla, é de especial gravidade que “a Consellería de Sanidade non fixera absolutamente nada para tomar medidas contra o lindano, non se atendera aos veciños de maneira específica e non se explicara aos sanitarios como proceder ante esta substancia contaminante”.

Segundo explicou Solla, “no Concello de O Porriño haberá arredor de 1.000 toneladas de residuos, en moitos casos en espazos onde se atopaba a fábrica de Zeltia e que, en 1975, se convertiron en solares para construír vivendas sociais” onde agora seguen a vivir persoas moi preocupadas por esta contaminación invisible. Precisamente por isto, Solla sinalou o proceder temerario de que, diante da aparición do lindano se permitirá “a barbaridade de asfaltar por riba”, sen establecer un protocolo sanitario.

Por exemplo, “en Aragón están encapsulando os residuos, pero parece que a Xunta non ten prevista ningunha intervención en ningún sentido, o que signifique protexer á veciñanza afectada, posto que no Porriño a xente pode tocar o lindano coa man ata o punto de que se fixo un parque nese mesmo espazo” e co nome de “Parque de Lindano”.

Debido á gravidade dos feitos e ás preocupacións da veciñanza, Solla esixiu no Pleno que a Consellería de Sanidade considere a contaminación de lindano, presente na veciñanza de O Porriño, como “un asunto de saúde pública de primeira magnitude”. “A Xunta sabe que hai lindano no Porriño e pechar os pozos non é a solución. As medidas que tomaron non son suficientes: é un risco moi serio para a saúde das persoas, o que parece que non lles importa”, sinalou a deputada.

Ante esta afirmación, o Conselleiro de Sanidade tachou a intervención de “política mala e intento de enganar á veciñanza sobre o perigo do lindano”, sen saber e poder explicar unha soa medida para a protección da saúde da veciñanza. Pódese ver, dende aquí, a intervención da deputada coa contestación do Conselleiro de Sanidade.

 

A posición de EU-Son O Porriño ante o lindano

Fai unhas semanas, EU-Son Porriño organizou unha charla co veciñanza da zona, moi preocupada polos efectos da contaminación silenciosa e invisible de lindano, coa que levan máis de medio século a convivir, na que se presentou o “Informe sobre os efectos do Lindano”, elaborado por Ecoloxistas en Acción. EU-Son Porriño viña de presentar unha denuncia á Fiscalía de Pontevedra para que, dunha vez por todas, tome medidas co que está a acontecer co lindano, diseminado por toda a área.

Dende Esquerda Unida esiximos a implicación das diferentes administracións para paliar este problema ecolóxico e sanitario, que require dunha resposta inmediata que vaia máis alá de pechar os pozos de auga contaminados dos que a veciñanza leva anos abastecéndose. Precisamente, pola natureza do  tóxico, é necesario que se avalíe a exposición da poboación, que se demanden as responsabilidades que correspondan (penais, administrativas e políticas) aos causantes da contaminación e se destinen, dende os gobernos central e autonómicos, os orzamentos necesarios para levar a cabo efectivas accións efectivas.

Ver a resumo da charla sobre o lindano, en O Porriño

 

 

 

 

Relacionados