Eva Solla pregunta no Parlamento galego sobre a actuación policial na última agresión homófoba en Compostela

Eva Solla, vicevoceira de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida, preguntará de maneira escrita no Parlamento de Galicia sobre “cal é o protocolo que debe seguir a Policía Nacional nos casos de agresión homófoba ou se a Xunta de Galicia considera que se está a cumprir actualmente cos dereitos garantidos na Lei de Non Discriminación LGTBI”, precisa.

Esta pregunta, impulsada polo traballo da vicevoceira de AGE, xunto coa área de Diversidade Afectivo-Sexual de EU (ALEAS-EU), se rexistra despois de que un home fora agredido nun supermercado do Barrio de Galeras e, posteriormente, vexado e insultado polos seus agresores con insultos serofóbicos e LGTBIfóbicos.

Os feitos ocorreron cando a vítima entrou ao supermercado para preguntar de quen era o can que estaba fóra, solicitando se o propietario podería facer o favor de prendelo na porta. Nese intre, un home increpouno:

-“¿Maricón de mierda te crees el rey de la calle?”

A vítima meteuse entón no interior do supermercado para evitar problemas e cando estaba xa dentro, outro home diferente abalanzouse sobre el, propinándolle unha puñada. O agresor, ao ver o sangue, díxolle:

“Espero que no me contagies nada, maricón, sidoso de mierda”.

A vítima, nerviosa e asustada, chamou á policía e ao seu marido, chegando ámbolos dous practicamente ao mesmo tempo. Aínda así, coa policía diante, os agresores non deixaban de insultalos.

O compañeiro do agredido reclamou aos Corpos a identificación dos agresores, tarefa que acometeu a Policía Local. Sen embargo, a actitude dos agresores era igualmente belixerante, aínda cos axentes diante: ameazas , insultos… “Neste momento, os corpos policiais actuaron coma se tratase dunha simple pelexa, obviando que os insultos eran de carácter homofóbico e que era, por tanto, unha agresión homófoba e non unha pelexa”, explica Eva Solla.

Ao tempo, a policía chamou unha ambulancia, marchando e deixando sós ao agredido e ao seu marido, sen agardar a que chegase a mesma. Cando a vítima lle preguntou a un axente da Policía Nacional se poderían quedar con eles ata que chegase a ambulancia, o axente díxolles:

-“¿Qué quieres que me quede toda la noche contigo?”

Ámbolos dous estiveron esperando a ambulancia e, os agresores, os seguiron até o Hospital, onde o persoal médico tivo que parar a agresión. A policía tardou uns dez minutos en aparecer. Durante este tempo o persoal de seguridade puido expulsar do PAC aos agresores, que permaneceron berrando e ameazando dende o exterior mentres o persoal atendía e suturaba as feridas da vítima.

Finalmente, afirman que tiveron que saír escoltados ata a porta do taxi polos membros do equipo de seguridade do PAC de Santiago de Compostela, mentres os agresores continuaban a insultalos, ante a pasividade da Policía Nacional. Os dous agredidos acudiron directamente despois a poñer a pertinente denuncia.

Segundo Eva Solla, “temos moi claro que exemplos coma este demostran a necesidade de formar en temática LGTBI aos corpos de seguridade, entre outros, para garantir o benestar e unha protección axeitada de todas as persoas nunha condición digna para as mesmas”. Non só o goberno central e a Xunta, senón todas as institucións públicas estanse a demorar á hora de aprobar iniciativas deste tipo.

Para a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) “é hora de pasar á acción, non hai motivos lóxicos para seguir impasivas ante a violencia que estamos a sufrir”. Tal e como explica Noel Dopazo Vázquez, coordinador Nacional da Área, “as políticas do cambio xogan un papel importante nisto. Hai moito traballo por diante e non podemos esperar máis”, conclúe.

Relacionados