Eva Solla presenta a súa candidatura ás primarias de Esquerda Unida á presidencia da Xunta de Galicia

Eva Solla vén de ofrecer unha rolda de prensa en Compostela para presentar a súa candidatura ao proceso de primarias de Esquerda Unida á presidencia da Xunta de Galicia. A coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia lembrou nada máis comezar a rolda de prensa que esta organización “vén de arrincar este mes as súas primarias á candidatura da presidencia da Xunta de Galicia, entendendo que a situación social de Galicia, dez anos despois da crise económica, require preparar con responsabilidade o proceso de cara ás eleccións autonómicas”.

“Eu hoxe comparezo como candidata a este proceso de primarias de Esquerda Unida á presidencia da Xunta de Galicia perante a comisión electoral, que está levando este proceso”, lembro Solla. “Presentarse a estas primarias é, para min, unha responsabilidade meditada cos compañeiros de Esquerda Unida e do Partido Comunista entendendo que era preciso lograr un consenso previo. Fai seis anos asumín a responsabilidade de dirixir o Partido Comunista e fai dous anos asumín a coordinación de Esquerda Unida. Representar a miña organización é un elemento de orgullo e de responsabilidade, aínda que non só coa organización, senón que tamén coas galegas e galegos”, recalcou Solla.

“A pesar da miña idade, levo traballando nos últimos anos dende a óptica do Parlamento de Galicia como deputada e, nestes tres últimos, como vicepresidenta do Parlamento. Considero humildemente que podo aportar grandes elementos de consenso e de proposta política no marco das necesidades das galegas e galegos. Tamén, como muller, estou segura de que nós temos que dar un paso adiante cara os postos de responsabilidade. Eu xa o fixen e teño a sorte de estar acompañada de compañeiras marabillosas na dirección da nosa organización”, sinalou a candidata ás primarias da Xunta de Galicia.

“A situación das galegas e galegos empeorou nestes dez anos de crise pola perda de capacidade adquisitiva das propias familias e, por outra, polo deterioro dos servizos sociais e públicos. Por iso é importante traballar con tempo, con responsabilidade, con solvencia e dende a experiencia e proposta política coa fin de ofrecer unha alternativa seria e forte para dar resposta á clase traballadora”, rematou.

Relacionados