Eva Solla: “Recapaciten, non dean as costas á democracia e retiren o anteproxecto para modificar a Lei de Saúde de Galicia”

No pleno celebrado esta semana, e mediante unha moción, a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla criticou que o anteproxecto para modificar a Lei 8/2008 de Saúde de Galicia elaborouse con escurantismo e sen consultar á cidadanía, un modus operandi coñecido polo PP, que parece aproveitar a época estival para sacar pola porta de atrás modificacións que van, claramente, en contra do interese da cidadanía.

Eva Solla considerou indignante que a Xunta continúe a insistir en introducir este proxecto de xeito unilateral, xa que “abre a porta á empresa privada, elimina a participación cidadá e acaba con catro áreas sanitarias (Monforte, O Barco, A Mariña, O Salnés), o que obriga aos doentes a desprazarse a outros hospitais”, explicou.

A deputada de En Marea sinalou as consecuencias de eliminar as áreas sanitarias, que son “demarcacións territoriais destinadas a garantir a atención integral de saúde, e dicir, coordinar os recursos para a xente que vive na área” e mellorar a súa calidade de vida. Polo tanto, a eliminación das áreas é igual á perda de servizos para á cidadanía.

Doutra banda Solla lembrou que a Atención Primaria queda desprovista dunha estrutura administrativa, quedando relegada a un papel subsidiario. “A dereita leva anos desmantelando a Atención Primaria”, afirmou Eva Solla, salientando que a xente debe saber que eliminar unha área sanitaria significa que van ter peor atención primaria.

Este proxecto presentado polo PP elimina o Plan Galego de Investigación, introducindo un modelo opaco de funcionariado. “Ese é o espírito do anteproxecto: opacidade, desrregulación, e eliminación de dereitos”, declarou Eva Solla.

Dende Esquerda Unida entendemos que é preciso que se retire este anteproxecto e que se inicie unha negociación coa Mesa sectorial sobre as retribucións e dereitos conxelados do persoal do Sergas. “Recapaciten, non dean as costas á democracia, á descentralización, nin a todas as galegas e galegos do rural. Retiren a Lei” concluíu a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea.

Ver intervención sobre a Lei de Saúde dende aquí

 

Pregunta sobre o Plan de Prevención de Suicidios en Galicia

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, preguntou tamén no pleno ao Conselleiro de Sanidade polo Plan de Prevención de Suicidios en Galicia, incidindo en que o PP está a afastar a relación do suicidio cos problemas económicos e sociais que vive o país nestes últimos anos. “700.000 persoas viven en situación de exclusión en Galicia. Onde está esta situación refectida neste plan?”, reflexiona Eva Solla.

“A saúde non se restrinxe só ao sistema sanitario, Sr. Almuíña. O seu modelo está lonxe da prevención e só centrado na medicalización”, explicaba Eva Solla, quen defendeu que “as condicións de vida das persoas condiciona tamén a súa saúde mental”. Por iso, segundo Solla, precísase dunha implicación transversal.

“O único que hai no Plan de Prevención de Suicidios é a creación de observatorios, de comisións e dunha serie de novos organismos que están sen definir e sen orzamentos… polo que entendemos que non ten vostede ningunha intención de mellorar a prevención da saúde mental”, sinalaba Solla, que inicidiu en que, de buscar a mellora na saúde mental das galegas e galegos, o plan tería que ter orzamentos, máis persoal e unha perspectiva transversal.

Por último, Eva Solla recriminoulle tamén ao conselleiro de Sanidade que o Plan de Prevención do Suicidio chegara 8 anos tarde e sen reforzar a Atención Primaria nin Psicoloxía con máis persoal.

Ver intervención sobre o Plan de Prevención de Suicidios dende aquí

Relacionados