Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e deputada de AGE, concentrouse o martes 13 de outubro ás 18.00 horas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo xunto aos máis de 5.000 traballadores e traballadoras sanitarios convocados pela Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo para plantar cara ás continuas privatizacións e políticas de recortes postas en marcha polo goberno de Feijóo e que destrúen a sanidade pública, universal e gratuíta.
Entre os traballadores e traballadoras que se sumaron a este parón están os celadores e celadoras do Hospital Álvaro Cunqueiro, que hoxe cumpriron tres semanas de peche no que denuncian que empregados/as dunha empresa privada asumen parte das súas funcións.
En referencia a esta situación, o mesmo martes pola mañá a deputada Eva Solla preguntou, de novo, no Parlamento de Galicia pola “imposición dunha empresa privada á hora de desenvolver parte das funcións de transporte interno exercida anteriormente polos celadores e celadoras, o que fai que na actualidade estea en perigo a súa estabilidade laboral”.
Tamén Eva Solla aproveitou para defender no Parlamento as demandas destes profesionais da sanidade e criticar as vergoñentas carencias do Álvaro Cunqueiro, un hospital que é xa un triste símbolo do nefasto modelo de sanidade que implanta o PP.