Solla: “Feijóo perdeu o tempo criticando a conformación do Goberno central no seu discurso”

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, lamentou, nada máis escoitar o discurso de Núñez Feijóo, “que desperdiciara os minutos que tiña de dirixirse ás galegas e galegos en criticar a conformación do Goberno Central, un feito absolutamente imprescindible para avanzar na consecución da recuperación de dereitos sociais e económicos” tanto en Galicia como no Estado. Ao seu xuízo, asistimos a “un discurso pobre e patético” que, “en troques de falar das políticas para mellorar a vida das persoas e corrixir a situación de pobreza que sofren máis de medio millóns de galegas e galegos, preferiu criticar a constitución do Goberno central”.

Segundo explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Feijóo elixiu un colexio para dar o discurso, “nuns momentos no que o persoal docente se ergue para reclamar a recuperación dos medios humanos e materiais no sistema educativo”. Solla sinalou que “o Informe PISA non serve unicamente para avaliar a calidade educativa, senón que para mellorar a educación é preciso aumentar o número de docentes e do profesorado de apoio”.

Eva Solla tachou de “burla” que Feijóo se referira á Xeración Nós ou de Blanco Amor no seu discurso “cando vimos de coñecer o informe do Consello de Europa que denuncia a perda de galegofalantes por políticas que limitan o uso do galego na educación”, concretamente no nivel preescolar, “o que fai que se reduza o número de nenas e nenos que falan galego de xeito habitual”.

Para Solla tamén é unha “burla” que o presidente se dirixira ás familias “cando non se fai nada para frear a expansión das casas de apostas, nun momento en que, ademais, están a ampliarse os horarios das mesmas”.

A tamén vicepresidenta do Parlamento de Galicia botou en falta que Feijóo “non tivera unha soa palabra para ese 17% de traballadoras e traballadores galegos que cobran menos de 350 euros ao mes no noso país por mor da precariedade laboral”. Solla fixo fincapé na falta de políticas activas de emprego e do incumprimento dunha promesa que levaba ao Partido Popular en 2008, unha Lei de Emprego de Galicia. “En realidade, o PP non foi quen de cumprir coas súas promesas electorais e, agora, permite dar leccións á hora de falar da conformación de Goberno”, lembrou.

Para Solla, o Presidente non falou da necesidade de que a Xunta de Galicia “rectifique na súa decisión de pechar o paridoiro de Verín e tamén das urxencias no Hospital Comarcal de Verín”. Ao seu xuízo, no discurso de Feijóo, non se falou de  solucións ás políticas de recortes sociais constantes á que nos ten acostumadas o PP, polo que “non serve para galegas e galegos e para moitas persoas que viven en situación de pobreza e exclusión social. Tampouco houbo verbas para un país que sofre unha sangría no que á industria se refire”. En síntese, Solla valorou este discurso como “moi negativo, pobre e patético no que se perdeu o tempo criticando a conformación de Goberno central en vez de falar das responsabilidades e do seu compromiso coas galegas e galegos”.

“Pola nosa parte, de cara a 2020 e no marco das vindeiras Eleccións Autonómicas, dende Esquerda Unida traballaremos un programa que axude a paliar os problemas principais que son o paro e a precariedade laboral, os problemas de falta de persoal na sanidade pública ou na educación, entre outros, así como levar a cabo medidas que rematen coa despoboación que sufre o noso rural”, rematou Solla.

 

 

 

Relacionados