🎥 Eva Solla: “Tan só menos do 2% das persoas que están no paro atopan emprego co Servizo Público de Emprego obsoleto que temos en Galicia”

Eva Solla, deputada do Grupo Común da Esquerda e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, defendeu esta mañá na Comisión de Sanidade unha iniciativa para propor unha Lei de Emprego que defina políticas claras de emprego e que concrete e reforme as funcións do Sistema Público de Emprego de Galicia.

“A taxa de paro segue a ser un problema moi serio no noso país”, dixo Eva Solla nada máis comezar a súa exposición. Tal e como explicou, “no noso país se está a crear un modelo de emprego precario e a ocupación medra só na xornada parcial, máis da metade dos novos contratos (ocupados na súa maioría por mulleres) seguen esta tendencia. Esta estrutura é verdadeiro problema para as xeracións actuais e futuras, así como para o mantemento das pensións”.

Segundo admite Solla, “o Servizo Público de Emprego galego precisa unha reforma estrutural, xa que na actualidade non é útil. As oficinas de emprego non poden ser un lugar de trámites administrativos. É unha vergoña que tan só menos do 2% das persoas que están no paro atopan emprego a través do Sistema Público, o que evidencia que este non está a servir para formar ás persoas nin para orientar e buscar emprego de calidade ás demandantes”.

“O emprego é un dereito, polo que precisamos un servizo áxil e non anacrónico. Por exemplo, o método de busca actual non é preciso, polo que é evidente que precisamos modificar e incluír novas tecnoloxías para a busca activa de emprego”, sinalou Solla que lembrou tamén que “coa baixa creación de emprego que ten o noso país necesitamos unha reforma integral do sistema”, que pasaría pola creación dunha Lei de Emprego de Galicia, na que se establecera o marco de ordenación das políticas públicas de emprego, definindo o sistema de emprego de Galicia e a súa carta de servizos, así como a natureza, misións e funcións do Servizo Público de Emprego de Galicia, de xeito que se configure como organismo autónomo, reforzando o seu carácter de servizo público e dotando o mesmo de máis recursos humanos e materiais.

“O desemprego é o principal problema para as galegas e galegos, seguido da  precariedade laboral, polo que son os problemas de índole económico os que máis preocupan na nosa sociedade, por iso se teñen que desenvolver por escrito cales son as políticas públicas de emprego. Temos máis de medio millón de pobres no noso país, algúns son traballadores en activo e outras persoas pensionistas”, sentenciou Solla. “Hai unha cifra moi relevante: o 39% de persoas paradas son de larga duración, o que evidencia que o noso sistema público non está a funcionar ben e que hai que facelo máis útil e de vangarda, coa fin de combater a actual precariedade laboral”, rematou a deputada.

Ver o vídeo en:

Relacionados