🎥 Eva Solla: “Teremos que recorrer á xustiza para que nos responda sobre os datos das listas de espera non estruturais?”

Eva Solla, deputada e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, interpelou esta mañá ao Conselleiro de Sanidade respecto á falta de transparencia da Consellería en relación ás listas de espera non estruturais do SERGAS, unha situación “habitual” pero “incomprensible”. “Teremos que recorrer á xustiza para que nos responda sobre os datos das listas de espera non estruturais?”, inquiriu Solla.

A deputada volveu denunciar a falta de transparencia da Consellería de Sanidade respecto aos datos das listas de espera non estruturais e “do peche de até 900 camas este verán”. “A negativa constante do Goberno á hora de dar a coñecer o número de persoas existentes nas listas non estruturais pon en evidencia o intento por agochar unha realidade consecuencia das políticas de recortes e privatizacións nos servizos públicos”, sentenciou.

Eva Solla recoñeceu estar preocupada “polas vagas que van estar cubertas nas vacacións do persoal” e incidiu na necesidade dunha planificación real para evitar os colapsos vividos en anos anteriores.

“Vai continuar a política de recortes e peche de camas a pesar dos colapsos vividos en anos anteriores?”, preguntou Solla.

En relación ao peche de camas, a deputada sinalou que “a situación agrávase cando cada ano no Servizo Galego de Saúde pechan na tempada de estío centos de camas sen máis motivo que o suposto aforro e afirmación errónea de que no verán enferma menos a xente”. Nada mais lonxe da realidade, durante os meses de verán a xente enferma igual, existindo picos de incidencia nas urxencias que chegan a producir colapsos como os acontecidos en anos anteriores.

Esquerda Unida leva anos a denunciar a xa típica decisión da Consellería de Sanidade de pechar camas e quirófanos no período estival, unha medida que só achega importantes problemas, tales como o ascenso nas listaxes de espera nos hospitais galegos.

“O incremento de persoas nas listas de espera vai inevitablemente ligado a un aumento de traslados a centros concertados/privados, derivando o orzamento público cara as empresas sanitarias do ámbito privado. Esta práctica provoca que aquelas persoas que queren ser operadas nun hospital público pasen a formar parte das listas non estruturais e, polo tanto, a perder o lugar que ocupaban nas listas estruturais no momento en que denegan ofrecemento de operarse na privada”, dixo Solla.

Ademais ao peche de camas, é necesario engadir “a continuidade das nefastas políticas de persoal da Consellería de Sanidade, que non dan cobertura aos permisos de vacacións de gran parte do persoal, aforrándose a Xunta de Galicia o custe das substitucións en detrimento do servizo sanitario público”, dixo Solla.

Ver en:

 

Relacionados