Evitar a “defensa infanta”

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes recoñece a valentía das declaracións do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pedindo medidas institucionais contra a corrupción e pola xustiza. O goteo de irregularidades en distintas Administracións Públicas e a acumulación de graves escándalos de corrupción danan a credibilidade das institucións e da política, atentan contra o patrimonio público, socavan as bases mesmas do sistema democrático, provocan a desafección cidadá e dan pábulo á afirmación inxusta de que todos son iguais abonando o terreo ao populismo. Os corruptos e os corruptores, non so danan a democracia, senón que as súas accións afectan directamente aos petos da cidadanía, pois ao incrementar os prezos das obras, produtos e servizos, provocan o recorte de servizos e incluso o aumento do déficit público.

Esquerda Unida esixe a Negreira que prohiba a defensa infanta para os cargos públicos do Concello, é necesario tomar medidas, pois o propio tenente alcalde e portavoz do goberno mentiu en sede xudicial e non dixo todo o que sabe en relación con Vendex diante da xuíza De Lara, e este tipo de condutas de obstrución á xustiza son impropias dos cargos públicos. Por este motivo o pleno debe admitir a debate e aprobar que os cargos públicos non se poidan acoller ao manual do imputado, tal e como reflectimos no cuarto punto da moción de Máxima colaboración coa xustiza que levaremos a aprobación dos concelleiros en abril:

Cuarto.- O Concello da Coruña esixe que os membros da corporación, persoal de confianza ou empregados públicos chamados a declarar, contesten ás preguntas que se lles faga en sede xudicial  de boa fe, de forma clara e coa argumentación suficiente. No caso de non facelo serán publicamente amoestados a fin de que non se repitan estas actitudes de obstrución á xustiza.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a moción de máxima colaboración coa xustiza é a resposta da dignidade fronte ao non sei, non me acordo e non me recoñezo xeneralizado e fronte ao mirar cara outro lado de Negreira”.

Relacionados