A executiva nacional de EU acorda unha campaña na defensa do sistema público de pensións

A executiva nacional de Esquerda Unida reunida este mércores, acorda unha campaña de defensa do sistema público de pensións para contrarrestar a campaña desinformativa do PP.

Esquerda Unida considera que o sistema público e sostible e para explicar a súa proposta materá xuntanzas coas organizacións sindicais, asociacións e tecido social de Galicia. A campaña irá acompañada de actos públicos e mesas explicativas nun momento de “acoso frontal do goberno e da banca ao sistema público de pensións”

A executiva nacional de EU Esquerda Unida valorou igualmente onte en Compostela o desenvolvemento da campaña de Rajoy dimisión que se está a celebrar en todo o estado e que en Galicia sacou a centos de militantes de EU á rúa para recoller firmas pedindo a dimisión do goberno a e convocatoria de novas eleccións.

A executiva nacional aprobou dar continuidade á campaña sobre a previsible reforma das pensións xa iniciada no mes pasado e que levará a cabo por todo o territorio coa presentación de mocións nos concellos e de información sobre as nefastas consecuencias desta proposta que non é máis que outro recorte de democracia.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, manifestou que entre os obxectivos inmediatos da organización está o de esixir a retirada inmediata do proxecto de Reforma da Administración pública que implica o despido masivo de traballadoras e traballadores públicos así como o peche de entidades públicas co único gallo de reducir o gasto público que, en España se sitúa por debaixo da media europea.

A executiva nacional de Esquerda Unida valorou o acordo de goberno asinado hoxe no concello de Mugardos entre Esquerda Unida e o BNG e considera que “abre un espazo de entendemento político necesario “ para contrarestar dende o local as reformas lexislativas do PP. EU felicita aos compañeiros e compañeiras de Mugardos polo traballo realizado nestes meses que sen dúbida está sendo recoñecido na localidade como “referencial” na esquerda política e social.

A executiva nacional de EU avanzou na aprobación dos plans de traballo das secretarías políticas que buscan unha expansión organizativa de EU en Galicia, a feminización das agrupacións locais e comarcais e un profundo traballo de elaboración programática para estes meses que restan de 2013.

Relacionados