Esquerda unida valora moi positivamente a asemblea de barrio desenvolvida no Ventorrillo, un acto público organizado por EU coa colaboración da Plataforma. Iniciativa xurdida como resposta á solicitude da plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa diante das distintas forzas políticas coruñesas.
A asemblea centrouse, como non podía ser doutra maneira, na situación do poboado de Penamoa e a grave situación de inseguridade e risco sanitario que está a provocar. Logo do saúdo do vicepresidente da Plataforma, Antonio Fornegas, interveu o voceiro parlamentar de Izquierda Unida, Gaspar LLamazares, para explicar a pregunta desenvolvida ao Goberno central en relación cos riscos para a saúde xerados polo asentamento chabolista de Penamoa.
Posteriormente Gapar Llamzares fixo un análise da crise e de como os mercados dirixen a economía, forzando ao Goberno a desenvolver recortes sociais. Por iso Llamazares considera fundamental as vindeiras eleccións municipais xa que indicaran aos mercados si a cidadanía está a disposta a aceptar novos recortes o polo contrario aposta por unha saída social e de esquerdas a crise.
De seguido tomou a palabra o coordinador comarcal de EU e candidato á alcaldía, César Santiso, quen denunciou que o concello focalizou o chabolismo en Penamoa a sabendas que isto derivaría nun gran problema para O Ventorrillo e A Coruña, por iso considera que as demandas da plataforma son lóxicas e lexítimas e non responden a criterios alarmistas como pretende transmitir a opinión pública o Goberno local. Por iso anunciou Esquerda Unida apoiará a veciñanza do Ventarrillo na súas reivindicacións.
César Santiso indicou que o presente acto non pretende ser un mitin senón que pretende ser unha asemblea de barrio onde a veciñanza tome a palabra e demostrar que outra política é posíbel, unha política baseada na participación cidadá onde os movementos sociais poden traballar en sinerxía cos políticos.
Finalmente comezou a Asemblea de barrio propiamente dita, moderada por membros da Plataforma do Ventorrillo. Durante o seu desenvolvemento moitos veciños tomaron a palabra para afondar na problemática e achegar propostas. A petición dos veciños e veciñas participantes na asemblea, Santiso explicou as propostas de EU para Penamoa.
O candidato á alcaldía pola coalición Esquerda Unida – Os Verdes explicou que o primeiro paso, como é lóxico, consiste no desmantelamento definitivo do poboado, para posteriormente recuperar Penamoa como un espazo de lecer e de servizos para o barrio do Ventorrillo, débeda histórica do concello para coa veciñanza e que é posíbel desenvolver grazas aos terreos de propiedade municipal alí existentes.
Entre outras iniciativas, César Santiso, propuxo a construción dun aparcadoiro disuasorio gratuíto ao carón da terceira rolda para evitar a entrada de vehículos no centro da cidade, en concordancia co Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS), aparcadoiro que tamén podería ser utilizado pola veciñanza habida conta dos graves problemas de aparcamento que padece a zona. Outra medida que destacou foi a creación dun parque para goce da veciñanza dotado de hortas urbanas e verxeis de froiteiras para promover a agricultura ecolóxica como entretemento e deporte mentres avanzamos na soberanía alimentaria seguindo os criterios da Empresa Municipal para Asegurar a Soberanía Alimentaria Coruñesa (EMASAC) que Esquerda Unida propón crear.
Santiso insistiu na importancia de que sexa a propia veciñanza quen decida democraticamente o tipo de instalacións que desexa para o seu barrio, xa que os veciños e veciñas son os mellores coñecedores do seu propio barrio, “que no pase como no Castrillón que os veciños querían unha piscina e o concello instaloulle pistas de pádel”
Por último o coordinador comarcal de EU, que cualificou o acto como un éxito participativo, comprometeuse a loitar por resolver o problema dende o concello “na medida en que a cidadanía nos outorgue o respaldo necesario”.