Expolio das autoestradas.

Presentan unha Proposición non de Lei na que se pide a eliminación da achega de 4,5 millóns para compensar as peaxes da Barcala e Rande; reducir de forma preferente as tarifas para aqueles que a utilicen con maior frecuencia por razón de traballo; reducir as tarifas nos tramos que teñen prezo por kilómetro superior á media da autoestrada; e acabar coa norma legal que obriga a compensar á empresa polas variacions do IPC e as perdas económicas por baixada de usuarios

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2012.- A vicevoceira do Grupo Parlamentario de Alternativa, Yolanda Díaz, e o deputado Antón Sánchez, presentaron esta mañá a iniciativa do Grupo relativa ás peaxes da AP-9 e a necesidade de que se recupere a titularidade pública das autopistas para acabar co que consideran un expolio e un escándalo.

Yolanda Díaz salientou durante a súa intervención o feito de que mentres que o Partido Popular anuncia recortes para os xubilados do IPC, a empresa, norteamericana,  adxudicataria das autopistas no noso país non só se lle garante ao IPC a través dunha norma de 2012 do Sr. Aznar senón que ademáis se inclúe a compensación económica polas perdas de usarios das autoestradas que se poda dar. “Esto é sinxelamente, un escándalo” exclamou a vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda.

Así, os deputados parlamentarios denunciaron que o próximo día 1 de xaneiro o Ministerio de Fomento cometerá outra tropelía máis contra a cidadanía galega ao autorizar un novo incremento do prezo das peaxes das autoestradas. A aplicación dunha norma legal inxusta, a lei 14/2000 de 29 de decembro, de Medidas Fiscais, Administrativas e da Orde Social, aprobada polo goberno Aznar nese ano, é a coartada formal para ese novo atraco ao peto da cidadanía.

É unha norma que demostra o enorme poder do lobby das empresas concesionarias das autoestradas e das grandes construtoras, porque regula por lei e de forma automática o incremento dos prezos das peaxes con independencia de cal sexa a situación da economía do país. Aínda máis. Esta norma establece un mecanismo perverso polo que as empresas concesionarias poden incrementar os prezos mesmo por encima do IPC para compensar as posibles caídas no tráfico, isto é, no número de ususarios das autoestradas.

Se non hai unha acción política decidido o día 1 de xaneiro as peaxes das autoestradas de pago encareceranse o 3,1%, que é o incremento do IPC desde novembro de 2011 até outubro de 2012, período que toma como referencia para a subida da tarifa. Este 3,1% será o incremento mínimo, porque a redución de usuarios da autoestrada posibilita que o Ministerio de Fomento autorice un incremento dos prezos aínda maior.

En Galicia, lembraron, estamos falado da autoestrada A Coruña-Carballo, Santiago-Lalín e especialmente da AP-9 Ferrol-Tui, que é na que centraremos a análise por ter máis información dispoñible. Os deputados de Alternativa Galega de Esquerda consideran inaceptable que nunha situación como a actual, na que a inmensa maioría da sociedade está a sufrir gravísimos problemas económicos, o goberno póñase ao lado das empresas concesionarias de autoestradas garantíndolles os seus ingresos e os seus enormes beneficios. “A dobre vara de medir do goberno faise evidente cando neste mesmo mes decidiu incumprir unha lei, a Lei Xeral da Seguridade Social, que regula o incremento das pensións, ao eliminar a compensación pola desviación do IPC. Porque se pode incumprir unha lei que afecta a case 9 millóns de pensionistas no Estado, a preto de 800.000 en Galicia e con todo hai que cumprir obrigatoriamente unha lei que beneficia a unha soa empresa en Galicia, a concesionaria das autoestradas de peaxe?”

Así mesmo, denuncian a discriminación, o poder das empresas, a debilidade do goberno que faise aínda máis evidente cando se ten en conta que no que levamos de 2012 AUDASA xa incrementou os seus prezos en tres ocasiones até acumular un incremento do 14,3%, que coa subida mínima do próximo día 1 de xaneiro xa será un escandaloso 18%.  “En tan só 12 meses vanse a aplicar catro subidas do prezo cun impacto acumulado do 18% nos petos dos usuarios, algo absolutamente inaceptable, un brutal fluxo de diñeiro que sae do peto da cidadanía cara á bolsa de AUDASA, empresa concesionaria das autoestradas de peaxe, e cara aos seus accionistas: o Citibank norteamericano”. Un atraco, porque o exercicio pecharase cun IPC na contorna do 3% fronte a esa subida do 18%, de tal forma que o incremento dos prezos das peaxes multiplicará por seis veces o da inflación. Un autentico atraco a peaxe armada.

Desde Alternativa Galega de Esquerda aseguran que non estamos ante un feito ocasional ou ante un ano excepcional, porque está é a pauta de comportamento dos prezos das peaxes polo menos en ultíma década: as peaxes encarecéronse preto do 50% desde o ano 2003, unha porcentaxe que case duplica o IPC dese período.

O que semella sorprendente é que AUDASA aumente tanto as peaxes nunha situación de crise, na que todas as empresas tentan axustar os seus prezos á caída da demanda. Pero a xestión da AP 9 non ten eses problemas porque é un monopolio. Un monopolio porque non existe unha alternativa real para realizar por estrada o traxecto Ferrol-Vigo. “Esa é a gran fortaleza da empresa, que ten atrapados como reféns ás persoas que se teñen que desprazar polo principal eixo de comunicación de Galicia. Como non existe unha alternativa competitiva, como ten o monopolio, non ten problemas en subir os prezos porque os usuarios non se poden escapar” explicaron.

E ante isto hai que o Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda faise unha pregunta fundamental. ¿Por que non existe unha vía rápida alternativa ao uso da AP-9? Porque nestas dúas décadas nas que se construíron centenares de quilómetros de autovías, de vías rápidas, de corredores, de circunvalacións en toda Galicia non se fixo nada precisamente no traxecto que máis trafico soporta, o eixo que articula territorial e economicamente a Galicia?.¿Non debería ser unha prioridade do goberno central e da Xunta de Galicia investir precisamente en crear unha alternativa real e gratuíta no traxecto con mais usuarios de Galicia?.

A resposta, aseguran, é obvia: o lobby das concesionarias, a estreita relación entre o poder económico e o político, a porta xiratoria pola que transitan os directivos entre a administración e as empresas, é a explicación a esta falla de alternativa gratuíta que xera a situación de monopolio de facto de AUDASA. Un monopolio que se traduce en enormes beneficios para a empresa que, obviamente, non repercuten en beneficio das usuarias e usuarios ou no benestar da cidadanía como defenden sempre os apoloxetas da privatización, senón no peto dos seus accionistas. Porque AUDASA é unha empresa extraordinariamente rendible, mesmo nestes anos de crise económica.

O deputado Antón Sánchez ofreceu os datos que demostran esta situación. No ano 2010 gañou máis de 97 millóns de euros (máis de 16.000 millóns de pesetas) e no ano 2011 volveu gañar máis de 75 millóns de euros (12.500 millóns de pesetas). Son beneficios enormes, que se producen a pesar da caída dos usuarios, porque as elevadísimas tarifas permítenlle ter estes beneficios multimillonarios que se repiten na historia recente da empresa. No exercicio 2009 os beneficios antes de impostos foron de 88 millóns de euros. En 2008 alcanzaron os 89 millóns de euros, en 2007 foron de 84 millóns e de 79 millóns de euros en 2006. Isto é, se acumulamos os resultados do últimos seis anos AUDASA gañou antes de impostos 510 millóns de euros (85.000 millóns de pesetas), unha cifra que está fóra da realidade económica do país e que demostra o disparatado das tarifas das peaxes.

Nunha situación con racionalidade económica, en especial nun sector con prezos regulados, as peaxes deberían servir para cubrir os custos de explotación, amortizar o investimento e incluso –segundo a lóxica que prevalece nas sociedades capitalistas – establecer unha marxe de beneficio normal para a empresa que retribúa a achega de capital dos accionistas. Pero en AUDASA, aproveitándose do seu monopolio e coa complicidade dos gobernos, a rendibilidade do capital non é normal, non está dentro dos límites do razoable, non se moven nas marxes de empresas en situación de competencia, como é fácil comprobar nas contas oficiais da empresa dispoñibles na web da compañía.

En 2011 por exemplo, alcanzou os citados 75 millóns de euros de beneficio cuns ingresos por vendas de 145 millóns de euros o que equivale a unha rendibilidade sobre vendas do 52%, unha cifra extraordinariamente elevada que non está ao alcance de practicamente ningunha empresa que actúe en mercados abertos á a competencia.

Pero aínda é máis disparatada a rendibilidade do capital investido, porque ao ser a cifra do capital social de AUDASA de 196 millóns de euros alcanza unha rendibilidade en 2011 do 38%. Unha ultima cociente permite valorar mellor a extraordinaria, ou mellor indecente, rendibilidade da compañía: se comparamos os 510 millóns de euros de beneficios antes de impostos acumulados desde 2006 cos 196 millóns de capital social alcánzase unha rendibilidade acumulada do 260%. Isto é, os accionistas en apenas seis anos, tres deles no medio da recesión económica, gañaron case o triplo do que achegaron á sociedade.

Unha situación de abuso de poder, de monopolio, que é aínda máis indignante cando se analiza o destino deses enormes beneficios. Porque neste seis últimos anos AUDASA practicamente non investiu nada, nin en ampliación de novos tramos, nin na mellora dos que teñen máis densidade de trafico e moi pouco no mantemento da infraestrutura. En realidade no que inviste AUDASA é na automatización do cobro das peaxes co obxectivo de reducir cada vez máis o seu cadro de persoal.

Un abuso de poder que se manifesta tamén nas súas relacións coas autoridades e que alcanzan a súa máxima expresión na denominada liberalización de peaxes na Barcala e en parte do acceso a Rande. A eliminación das peaxes para os usuarios neses dous tramos, que foi unha demanda social durante anos por ser en realidade circunvalacións da Coruña e Vigo, non foi soportada por AUDASA contra os seus enormes beneficios.

Pola contra, a chamada liberalización foi en realidade un cambio de pagador porque deixaron de abonar a peaxe os usuarios para pagalo a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento. En 2011 AUDASA cobroulle 8,8 millóns de euros repartidos ao 50% entre a Xunta e Fomento.

De feito a denominada gratuídade das peaxes é en realidade un negocio redondo para AUDASA porque cos ingresos achegados cada ano polas administracións para compensar a eliminación das cabinas de cobro paga o 80% do custo de todo o persoal da empresa, consello de administración incluído.

Esta cifra cobrada cada ano e que desde o ano 2006 acumula xa 45 millóns de euros (máis de 7.300 millóns se euros), unha cantidade enorme de recursos públicos para unha empresa privada da que se benefician os seus accionistas. Porque o que fan é levar todos os beneficios ao seu propio peto.

Como se pode comprobar nas contas oficiais da empresa polo menos desde 2008 os accionistas repartíronse como dividendos o total dos beneficios despois de impostos. Isto é, sacaron da empresa todo o que podían sacar e leváronllo até acumular unha cifra moi superior aos fondos que achegaron á sociedade en toda a súa historia.

“Esta é a realidade da principal infraestrutura do noso país, da vía que nos articula económica e territorialmente: é un monopolio sen alternativa real, nas mans de poderosos grupos financeiros, que ten unha enorme rendibilidade aproveitándose desa situación de falta de competencia, cunhas peaxes escandalosamente altas e que non deixan de crecer cada ano, xerando beneficios elevadísimos que non se destinan a mellorar a infraestrutura senón que llos levan os accionistas como dividendos cada ano” aseguran.

Unha situación inaceptable que obriga ao Parlamento e á Xunta de Galicia a abrir un debate estratéxico sobre o futuro da AP-9, sobre a súa privatización, sobre a súa propiedade, sobre o seu monopolio, sobre as prórrogas da concesión ou sobre porque non existe unha alternativa de mobilidade.

Por todo isto, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda urxe á Xunta a negociar de forma urxente coa empresa concesionaria das autoestradas de peaxe en Galicia e co Ministerio de Fomento unha rebaixa media do 40% nas tarifas durante polo menos os dous próximos anos, rebaixa global que debería distribuírse entre os seguintes obxectivos parciais:

1. Eliminar a achega anual de 4,5 millóns de euros que cada ano realiza a Xunta de Galicia para a compensación das peaxes da Barcala e Rande, que obviamente deben seguir sendo tramos gratuítos para as usuarias e usuarios.

2. Reducir de forma preferente as tarifas para as persoas que por razóns de traballo utilízanas con maior frecuencia con percorridos de ida e volta no mesmo día.

3. Reducir de forma preferente as tarifas nos tramos que ten un prezo por kilometro superior á media da autoestrada, en especial o tramo entre Vigo e Pontevedra.

4. Modificar a norma legal, a lei de medidas fiscais, administrativas e de orde social do ano 2000, que regula o incremento automatico dos prezos das autoestradas ás variacións do IPC

 

Relacionados