Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volve esixir que a Xunta promova o uso eficiente de enerxías renovábeis e promova un modelo descentralizado, baseado na pequena produción e mais no autoconsumo. “A política vergoñenta de conivencia entre os diferentes gobernos e as grandes empresas eléctricas é a causante do continuo espolio dos recursos enerxéticos do país e da grande estafa á cidadanía que paga os prezos máis altos de Europa pola electricidade”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez.
A complicidade entre executivos e compañías eléctricas, cuxa máxima expresión son as portas xiratorias entre a empresa privada e a Administración, axuda a explicar por que non se desenvolven as renovábeis en Galiza. O Goberno de Núñez Feijóo asiste calado á estafa continua de Gas Natural-Union Fenosa. Técnicos da Consellaría de Industria –e numerosas iniciativas parlamentarias de AGE- informan en contra dela, pero os responsábeis políticos non se dan por aludidos. Tampouco actúa ante a parálise do concurso eólico nin facilita normativamente a construción de pequenas instalacións.
Nesta situación, Alternativa vén de rexistrar unha pnl (no documento anexo) para promover a protección do consumidor e do pequeno produtor. Por caso, facer polo cumprimento da directiva europea de enerxía D/72/2009CE e adoptar as seguintes medidas:
1) Potenciar as enerxías renovábeis, a eficiencia enerxética, para conseguir un modelo enerxético descentralizado baseado na pequena produción e no autoconsumo.
2) Esixir ao Estado español que modifique o actual marco normativo co obxectivo de fomento das enerxías renovábeis, a produción preto do lugar de consumo e mais o autoconsumo.
3) A realización dunha auditoría independente do custe real da produción, distribución e comercialización da enerxía eléctrica, que cuantifique rigorosamente o déficit tarifario e que determine o custe real proporcional para os casos de produción-consumo baseados no balance neto.
4) Que o Estado español, en aplicación ao disposto na directiva europea D2009/72CE, efectúe a plena e efectiva separación das actividades de produción, distribución e comercialización, e que exerza, se procede, a enaxenación directa ou o fraccionamento das empresas potestade contemplada na directiva.
5) O estabelecemento dun procedemento de tramitación simplificada de autorizacións para produtores de pequena potencia, de acordo ao disposto no artigo 7.3 da D2009/72CE, aplicábel especialmente ao autoconsumo e a xeración distribuída.
6) A revisión urxente do cumprimento dos plans industriais asociados á concesión de potencia no concurso eólico e a anulación das concesións nos casos que se demostren os incumprimentos.
6) A esixencia ao Goberno español de que no novo borrador de real decreto referente ao autoconsumo anule a peaxe de respaldo, e prevea o mecanismo de compensación diferida no tempo (balance neto ou saldos instantáneos) entre produción e consumo o que beneficia a eficiencia enerxética.
“Os privilexios que os presuntos corruptos conceden ás empresas eléctricas”, sinala Sánchez, “son o sobreprezo que pagamos a cidadanía. Só eliminando estes favoritismos poderemos ter un modelo enerxético beneficioso para o interese xeral”.
Recurso de inconstitucionalidade
Alternativa Galega de Esquerda presentou a maiores outra iniciativa relacionada co sector eléctrico. Trátase dunha PNL instando a que a Xunta recorra por inconstitucionalidade a nova lei do sector eléctrico. A razón, o baleirado de competencias das comunidades autónomas. O Goberno central retira a potestade para aprobar os plan investidores que as eléctricas están obrigadas a presentar e que significan investimentos millonarias. “Un pais coma Galiza, que soporta os impactos ambientais derivados dunha gran produción eléctrica dedicada en boa parte á exportación”, explica o deputado Antón Sánchez, “debe de aspirar a máis poder de decisión sobre cuestións enerxéticas e en ningún caso a ceder soberanía neste campo, como propón a lei do sector eléctrico recentemente publicada”.
A reclamación de Alternativa Galega de Esquerda non implica deixar pasar os sistemáticos incumprimentos por parte da Xunta da lei aínda vixente. “Hai dous anos que non se aproban plans investidores”, indica Sánchez, “e o Goberno de Feijóo é cómplice da estafa continua de Fenosa nos plans investidores. Subvenciónanselle obras que non pagou malia estar obrigada a facelo”.