Javier Galán, voceiro do grupo municipal, demanda que o texto do Convenio, que vai ser levado ao pleno de outubro, segundo información coñecidas pola prensa e non polo goberno, sexa posto a disposición das forzas da oposición, colectivos veciñais e o tecido asociativo para o seu análise, crítica e estudo do uso dos terreos incluídos no mesmo.
Dende logo, a nosa formación rexeita de plano calquera convenio que implique un desembolso económico, e sempre rexeitaremos a política de malvender os bens públicos para pagar irresponsabilidades político financeiras, máis aínda cando existe un titular orixinario dos bens que Defensa pretende vender para pagar a débeda orixinada polas operacións humanitarias, isto é, a guerra. Ese titular orixinario é a cidadanía de Ferrol, que dende tempos inmemoriais tivo que soportar lugares de paso restrinxido, unha cidade costeira pechada ao mar e ver como edificios militares caen paulatinamente, deteriorados pola falta de uso, e agora, por un convenio exprés, paga a factura do ministerio da soldadesca vasala da OTAN.
Segundo Javier Galán é máis que censurable que o alcalde de Ferrol xa atribúa usos a espazos militares, falando de albergues, zonas de ocio, polígonos industriais, etc, sen que o Pleno de Ferrol, supostamente o órgano soberano para o que o PP esixe tanto respecto, haxa aprobado convenio algún e, polo tanto, pode considerarse como unha práctica ilexítima ou un pacto de amigos que tan só necesita o visto e prace dos doce máis un concelleiros da maioría absoluta do Concello de Ferrol, sen que a oposición e, o que é peor, a cidadanía teñamos nada que dicir.
Dende EU reclamamos unha exposición pública dese convenio, para que non se repita o acontecido coas obras do saneamento e a EDAR, que estiveron expostas na cidade de Ourense, que desa exposición pública naza unha opinión colectiva e participada como cidade, a través de alegacións, de como debe ser o convenio e qué usos se lle debe dar aos terreos e propiedades incluídas.
O alcalde de Ferrol, que agora semella ser o adalid da unidade respecto ao tren ao porto exterior, (pese a que o día anterior publicamente considerara a ridícula partida de 500.000 euros suficiente), non aplica o mesmo conto cando hai posibilidade de obter rendibilidade económica a terreos que acabarán xestionados por conglomerados empresariais amigos, como acontece con todo o que antes era público e de todos e todas, e agora é dalgún empresario que o xestiona a través de servizos deficitarios e subemprego precario.