Expulsión do parlamento no 93

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2013.- Dentro de poucos meses fará 20 anos que Xosé Manuel Beiras, actual portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, fora expulsado do Parlamento de Galiza e privado polo presidente da Cámara dos seus dereitos como deputado durante dous meses. Estaba a rematar a primeira das lexislaturas nas que Fraga Iribarne presidiu a Xunta. O grupo parlamentar do Partido Popular, maioritario cun só escano de diferenza, viña de promover unilateralmente unha reforma involutiva do regulamento da Cámara. Esa modificación minguaba os dereitos e liberdades dos deputados e grupos da oposición e mais a súa participación nos debates, atinxía negativamente á expresión do pluralismo político da Cámara (daquela, EG, CG, BNG, PSdG, CdeG e PP, estes dous coaligados), simplificaba abusivamente os procesos lexislativos, e propiciaba a hexemonía do grupo maioritario e a dependencia da Cámara de representantes a respecto do poder executivo investido por ela.

O regulamento é a lei pola que a Cámara de representantes se dota das súas propias normas de funcionamento. Por ser a Cámara lexislativa a depositaria da soberanía popular e ostentar o poder sobranceiro sobre o executivo que ela mesma inviste e controla, a iniciativa para a elaboración desa norma non a pode ter o Goberno, senón os grupos que a integran. Por iso, os usos parlamentares teñen establecido que se elabore polos grupos en ponencia conxunta e se aprobe mediante consenso ou moi ampla maioría cualificada. O proceder do PP en 1993, coa súa iniciativa unilateral para reformar involutivamente o regulamento vixente dende o inicio da Autonomía, e o seu propósito de impor esa reforma cunha maioría de só a metade máis un, transgredía e violentaba o principio democrático de independencia do poder lexislativo e de respecto recíproco entre as diferentes opcións ideolóxicas e políticas representadas.

A oposición, na tramitación e debate desa reforma da lei do regulamento abordada en 1993, bateron contra o muro de intransixencia do PP e a aplicación mecánica da súa exigua maioría na cámara. Beiras, daquela portavoz do BNG, combateu as pretensións do grupo maioritario e en defensa dos dereitos dos deputados e dos grupo minoritarios, ademais do seu propio. A crecente tensión produciu algún incidente que deu pé a que o presidente da Cámara, inducido polo da Xunta, decidise sancionalo coa expulsión do Parlamento e a privación, durante dous meses, dos dereitos inherentes á súa condición de deputado electo por sufraxio universal durante: o tempo necesario para excluílo da participación na fase final de debate e aprobación de aquela reforma do regulamento.

O fundamento da sanción foi a suposta alteración da orde na Cámara polo deputado Beiras. Decretouse con base nun dictame dos servizos xurídicos do Parlamento, asinado polo seu Oficial Maior. Beiras recorreu en amparo ante o Tribunal Constitucional do Estado español. No procedemento incoado polo Constitucional, a Presidencia da Cámara galega e os seus servizos xurídicos reiteraron os fundamentos da sanción, e foron apoiados polo Fiscal Xeral do Estado. Mais, ao cabo, o alto tribunal fallou a favor de Xosé Manuel Beiras,  anulou a sanción e decretou a súa reparación. O que non fixo foi anular a reforma do regulamento realizada con exclusión dun deputado ilicitamente privado de participar nela. Transcorreran dous anos. Mais a sentencia deixou claro que, por moito que fose aplicado o regulamento, e por moito que se fundaran nesa norma os informes dos servizos xurídicos da Cámara e até do Fiscal Xeral do Estado, a sanción violara normas de rango superior: os dereitos do parlamentario, como cidadán e deputado, consagrados na Constitución española de 1978.

Aquel episodio, sen precedentes no Estado das Autonomías, puxo en evidencia que cando decisións de órganos de goberno parlamentares, mesmo adoptadas en interpretación dos regulamentos das cámaras, violan dereitos constitucionais, resultan ser anticonstitucionais e, polo tanto, nulas. E se é o propio regulamento dunha cámara o que colisiona con dereitos constitucionais, séxano dos seus membros ou dos cidadáns do común, o que compre é modificar ese regulamento, no canto de violar a Constitución que se ten xurado ou prometido acatar e cumprir. Deberían telo ben presente os actuais titulares ou membros dos órganos unipersoais ou colexiados do Parlamento de Galicia.

 

Relacionados