O PP considera o Parlamento da súa propiedade e non admite nel nin a voz da cidadanía, nin a crítica radical ás súas devastadoras políticas, nin o exercicio do humor satírico.
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2013.- A expulsión do deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) David Fernández Calviño do pleno do Parlamento é un ataque inaceptábel á soberanía popular que el representa e á liberdade de expresión. É unha proba máis de como o Partido Popular concibe as institucións: un couto pechado no que só queren escoitar aquilo que lles prace e non admiten nin a voz directa da cidadanía, nin a crítica radical das súas devastadoras políticas, nin sequera o exercicio do humor satírico. Por estas razóns o vicepresidente da Cámara, Miguel Santalices (PP), decidiu unilateralmente expulsar a Fernández Calviño logo de que este mencionase os traxes de Francisco Camps e os sobre de Luis Bárcenas na súa intervención. Santalices, que nese intre presidía a sesión, emitiu tres “chamadas á orde” en menos de dous minutos e acabou por botar ao parlamentario de AGE fóra do seu escano. O resto de membros do grupo abandonaron tamén o hemiciclo e os outros portavoces da oposición, Francisco Jorquera (BNG) e Abel Losada (PSdeG), amosaron a súa indignación por unha aplicación restritiva das normas.
Alternativa Galega de Esquerda non permitirá que as manobras do PP á fronte da institución onde reside a soberanía popular impidan que os conflitos sociais e políticas aparezan nos debates parlamentarios. Se a vía que elixe a dereita, para quen non existe diferenza entre partido e institución, é a represión e a criminalización dos cidadáns que se opoñen ás súas políticas contrarias á maioría social, atopará enfronte aos parlamentarios de AGE. Alternativa recorrerá a medida ante a Comisión Permanente do Estatuto do Deputado do Parlamento.