1.- Lamentar que hoxe 28 de febreiro o Consello Escolar tomara a decisión tremenda de solicitar o traslado desta alumna, unha maneira indirecta de expulsala do Centro, polo simple feito de utilizar un elemento que forma parte da súa cultura e relixión, e que non pretende ofender a ninguén. Rematando así por concretarse unha actuación fondamente discriminatoria con esta persoa e a súa familia.
2.- Amosar a nosa solidariedade coa menor e a súa familia, que conta co noso apoio e asesoramento para o que precise. Animar a que se concreten os recursos xudiciais que vai emprender a familia no nome da menor fondamente agraviada e discriminada. Lamentar que as persoas que conforman o Consello Escolar do CEIP de Arteixo en representación da Comunidade Educativa dese Centro non foran capaces de superar as presións e enfrontamentos, para atopar unha solución razoable que permitira a continuidade da escolarización da alumna no centro educativo que lle corresponde.
3.- Lamentar e denunciar a actitude da Consellería de Educación, responsable primeira dos centros educativos da Comunidade Autónoma, pola súa indefinición, tibieza e falta de compromiso para propoñer unha alternativa, que a propia Comunidade Educativa do CEIP de Arteixo estaba disposta a aceptar e asumir, e mesmo solicitou en repetidas ocasións. Esa actitude provoca ademáis o mantemento no tempo dunha situación de conflicto que afecta de forma directa a unha menor e a súa familia. Finalmente se a Consellería opta por apoiar esta medida discriminatoria, actuaría dunha forma gravemente irresponsable, sen ter valorado tampouco a importancia do mantemento da boa convivencia intercultural na localidade de Arteixo
4.-. Anunciar a Interposición, no caso de concretarse o traslado da alumna ou a expulsión da mesma, dunha denuncia vía xudicial contra a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por tolerar e respaldar un comportamento discriminatorio cunha persoa por razón de cultura e relixión, cuestión que vai contra a propia Constitución Española e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
5.- Poñer de manifesto o risco que supón a extensión deste tipo de actuacións que poderían derivar nunha situación intolerable de separación de alumnado por crenzas relixiosas ou culturais, contrario aos máis elementais principios democráticos e de salvagarda dos dereitos humanos.