No recurso se contempla a petición de EU de que se proceda de xeito cautelar a suspender calquer actuación que puidera causar dano á Fábrica de Lápis. EU anunciou que vai esgotar todas as posibilidades legais para evitar un atropelo sen remedio respecto do noso patrimonio histórico e a memoria da cidade.
Fundamentado en varias razóns o recurso de alzada interponse a partires dos argumentos seguintes: que se ignore a resolución desfavorable da propia Dirección Xeral de 22 de febreiro de 2010, que informaba desfavorablemente e de xeito motivado a modificación puntual do PXOM presentada; que se desconsidere un feito novo da notable relevancia que ten a declaración, polo Decreto 33/2011, do barrio de Ferrol Vello como BIC, que xera a obriga de elaborar un Plan Especial e que prohibe até entón calquera alteración de alineacións, edificabilidade, parcelacións e agregacións de inmobles; e a falla da preceptiva motivación tal e como require o artigo 54 da Lei 30/92. Ao noso xuízo son razóns de peso para rectificar a decisión da Xunta e retrotraer as actuacións ao momento anterior. Tanto as leis de patrimonio cultural galega como estatal e a propia Louga avalan este recurso de alzada.
Yolanda Díaz insistiu na necesidade legal de proceder coa meirande urxencia a elaboración do Plan Especial para Ferrol Vello e namentras esta ferramenta non esté disposta que se paralice calquera actuación sobre a Fábrica de Lápis.
Non desbotou a Voceira do Grupo que se incorrera, caso de continuar adiante como brigada de demolición, nunha responsabilidade non so administrativa senón tamén de carácter penal.