Fábrica de tubos en Cee

As contradicións do presidente de Portos do Galicia sobre a posible instalación dunha fábrica de tubos en Cee fai pensar que “xa está todo decidido”

O presidente de Portos de Galicia recoñeceu en comisión parlamentaria que se cambiaron os usos do porto de Cee que posibilitan a instalación desta fábrica na zona e que houbo contactos informais coa empresa.

Santiago de Compostela, 21 marzo de 2013.- As respostas contraditorias dadas esta tarde polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, en relación a instalación dunha fábrica de tubos en Cee confirman as sospeitas de Alternativa Galega de Esquerda que apuntan que todo “está xa decidido”. Mentres o presidente de Portos comezou a súa intervención afirmando que non existe ningunha petición formal para esta instalación, máis adiante recoñeceu unha serie de contactos informais con representantes da empresa. Ante a pregunta do deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, que pediu explicacións polo cambio dos usos do solo no porto de Cee, curiosamente tan só uns meses antes de que se comezase a falar da posibilidade da instalación desta empresa, o presidente de Portos de Galicia recoñeceu que si se fixo sen dan moitas máis explicacións que dicir que o están facendo tamén noutros portos.

Todo isto fai pensar que non só está todo xa decidido senón que apunta á existencia dalgún tipo de compromiso coa empresa que segundo José Juan Durán está valorando se facer a petición ou non, pero que polas súas palabras conta xa co beneplácito de Portos de Galicia sen ter en conta os impactos que sen dúbida vai ter.

A comparecencia desta tarde unida ao apoio público do presidente de Portos de Galicia nun medio de comunicación pola instalación apunta a que é cuestión de tempo que se formalice a petición por parte da empresa que xa sabe que vai ser aplaudida. Nada parece importarlles o impacto que terá sobre o emprego dos mariscadores, o sector do comercio e hostalaría da zona polo importante impacto visual, o impacto medio ambiental e contaminación acústica que superará os 80 decibelios as 24 horas do día (o que equivale ao ruído que provoca o paso dun tren). Fajardo destacou ademais a presenza na zona dun centro escolar, así como un centro de día para enfermos mentais para as que sen dúbida a instalación desta empresa non é o máis conveniente.

O deputado defendeu en comisión parlamentar que a instalación desta fábrica pode levar consigo a destrución de máis postos de traballo dos que vai crear xa que o negativo impacto medio ambiental e paisaxístico nesta zona fará diminuír o número de turistas o que repercutirá de xeito directo no comercio e hostalaría. A isto hai que sumar as consecuencias que terá na propia ría e no marisqueo polo que o deputado considerou imprescindible contar cun estudio previo antes de lanzarse á dar unha valoración positiva desde Portos de Galicia. Por isto, unha vez máis, Alternativa Galega de Esquerda insta ao director de Portos de Galicia a traballar por atraer tráficos con valor engadido e non ofertar o noso país a todas aquelas empresas que non queren noutros países polos impactos negativos que teñen nas zonas onde se instalan.

Relacionados