Falecemento de Fraga

 

No balanzo da figura da Manuel Fraga, Esquerda Unida non pode silenciar os seus ominosos servizos a un réxime que encheu de sangue e padecementos, medo e miseria, a unha sociedade que transitaba polos vieiros esperanzados da República e a xustiza social.

 

Esquerda Unida quere chamar a atención diante a significativa diferenza no tratamento que as actuais institucións do Estado lle entregan a quen vén de falecer, respecto dos milleiros de persoas, resistentes contra a ditadura, que aínda xacen en gabias, anónimos e desconsiderados para este réxime democrático, ou a cantas persoas represaliadas da ditadura que en Galicia adoecen dunha lexislación propia que as recoñeza e compense.

 

 

Esquerda Unida demanda a urxente elaboración dunha norma galega que recoñeza e compense ás presas e presos e represaliados por se ter oposto ao réxime franquista. A nosa organización presentara xa no mandato da anterior Xunta de Galicia unha proposición lexislativa para a elaboración desa norma, norma de dignidade e xustiza, que lamentablemente segue sen ser atendida polos partidos do Hórreo.

 

Doutra banda, cómpre lembrar a vergoña internacional que se deriva das causas que perseguen ao xuíz Garzón, por ter tentado esclarecer os crimes e responsabilidades durante a Ditadura. No debe democrático da nosa sociedade temos que sinalar  todos os incumprimentos da chamada lei de memoria histórica, cando van máis de catro anos da súa promulgación: o mantemento do Val dos Caídos, a non recuperación dos milleiros de persoas que restan en fosas anónimas, etc. Semella necesario cumprir a actual lexislación alomenos ate acadar outra que  remate con todas as herdanzas ominosas derivadas da ditadura, en particular a anulación de todos os xuízos de carácter política da ditadura.

Relacionados