A democracia supón ter que escoitar e debater coa veciñanza goste ou non. Vai nas responsabilidades públicas dun concelleiro reunirse e tentar achegar vontades coa veciñanza da nosa cidade, mais cando se trata dunha asociación veciñal, que como é o caso da de Esteiro posúe unha longa e acreditada traxectoria e actividade.
Esteiro ten unha ampla nómina de temas pendentes, que merecen ao noso xuízo que o concelleiro de urbanismo empregue un pouco do seu, semella que extraordinariamente valioso tempo, para abordalos de xeito construtivo coa entidade veciñal do barrio.
Esquerda Unida reclama do Goberno Municipal que asuma a necesidade de mellorar a relación e diálogo co tecido asociativo da cidade, que constitúe un valor senlleiro da nosa vida democrática. Cómpre superar os medos e bloqueos que este Goberno Municipal amosa na súa relación de cote coa veciñanza, para facer boa a proposta de goberno compartido que máis que nunca necesita hoxendía Ferrol, ou alomenos cumprir coa declaración de alcaldía, na toma de posesión, de gobernar escoitando e respectando a todos; situación que se incumpre cando se nega o dereito democrático a reunirse cun responsable público da cidade.