A gravidade da situación queda reflectida no dato de que a oferta de aparcadoiros gratuítos supón tan só a metade dos vehículos censados. Situación que se volta dramática si engadimos os máis de 100.000 vehículos diarios que entran na Coruña procedentes das localidades da bisbarra coruñesa. Así, en barrios como Agra do Orzan, Os Mallos ou a zona centro, resulta case imposíbel acadar aparcamento.
O consello comarcal de EU Coruña denuncia que a meirande causa do caos circulatorio na cidade débese a que o concello tan so oferta unha cuarta parte de prazas de aparcamento das necesidades reais, e dicir oferta 85.000 prazas para un máis de 325.000 vehículos. Ademais o elevado prezo que teñen os aparcadoiros privados, custan o dobre que o consumo en carburante para acadar praza, supón que moitos condutores axuden a colapsar o tráfico na procura de aparcamento, e que moitos deles rematen aparcando en dobre fila, agravando a situación.
Xa que logo, Esquerda Unida considera que a falta de planificación do concello da Coruña en materia de mobilidade está a supoñer grandes perdas de tempo e un importante sobrecusto para a cidadanía. Pois, a pesares do grave déficit de prazas de aparcamento, o concello coas obras de peonalización y ancheado de beirarrúas eliminou 400 prazas no 2010, das que ¾ partes eran gratuítas.
Diante desta situación o coordinador comarcal de EU, César Santiso, entende que as grandes eivas en aparcamento e mobilidade na cidade avalan a necesidade da creación de grandes aparcadoiros disuasorios públicos e gratuítos nas principias entradas da Coruña, que estean perfectamente conectados co resto da cidade mediante transporte público, como propón o Plan Integral de Mobilidade Universal Sostíbel (PIMUS) desenvolvido por Esquerda Unida.
Non cabe dúbida que a devandita proposta permitiría aumentar consdierablemente a oferta de prazas de aparcamento, ademais de aliviar significativamente o tráfico no interior da cidade, mellorando a mobilidade e conseguintemente a calidade de vida da cidadanía. Asemade de reducir a pegada ecolóxica e as emisións de CO2, principal gas causante do efecto invernadoiro e o quecemento global, ao tempo de converter A Coruña nunha cidade menos dependente do petróleo, fonte de enerxía que se está a esgotar.