Falta de servizos no Lucus Augusti

Eva Solla Fernández , deputada de Alternativa Galega de Esquerda e membro da Comisión Parlamentaria de Sanidade e  Ramón Vázquez Díaz deputado por Lugo de AGE, presentaron hoxe perante a mesa do Parlamento Galego, unha interpelación parlamentaria ao Goberno da Xunta sobre os prazos de dotación das unidades de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

Dende o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda ponse de manifesto que dende que o 26 de Febreiro de 2010, data en que Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo inauguraba o Hospital Lucus Augusti de Lugo e na que a entonces Conselleira de Sanidade, dona Pilar Farjas, anunciaba a posta en marcha dos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear para o segundo semestre de 2011, os servizos citados continúan a día de hoxe pendentes, coa conseguinte preocupación e alarma social.

De feito, os pasados días, a Sociedade Española de Cardioloxía, alertou de que a mortalidade por infarto en Lugo dobra a das areas como A Coruña, Santiago e Vigo que si dispoñen da unidade de hemodinámica. De feito a provincia de Lugo é a única que carece deste servizo o que condiciona o tratamento e as posibilidades de supervivencia dos pacientes con infarto de miocardio.

Resulta inaceptable pois, que este atraso estea a provocar un dano tan irreparable nos pacientes da Provincia de Lugo e supón un claro exemplo do que as medidas de recorte e  austeridade están a provocar.

Dende Alternativa Galega de Esquerda se pon de manifesto que neste, como noutros moitos casos, tampouco se esta a producir ningún aforro, dado que o traslado dos pacientes que se realizan cada ano dende Lugo a outros hospitais, supón un custe maior que a posta en marcha das unidades anteriormente referidas.

Por todo isto, desde Alternativa Galega de Esquerda se esixe ao Goberno da Xunta que se resolva dunha vez por todas esta situación e que se poña en marcha, no menor prazo posible, as unidades de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear.

 

Relacionados