Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2013.- Alberto Núñez Feijóo falta ao respecto da institución onde reside a soberanía popular. Faino sistematicamente. Esta mañá, nas súas respostas ás preguntas dos grupos de oposición, quedou de manifesto, outra vez, de a súa idea do que supón render contas. Ás cuestións formuladas pola viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, sobre o alto grao de corrupción no Concello de Santiago de Compostela, o presidente da Xunta respondeu activando o ventilador. En absoluto se cinxiu ao asunto –e a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, coa parcialidade que a caracteriza, non o chamou a cuestión como si fai coa oposición- e trouxo á Cámara materias que nada tiñan a ver co que se lle preguntaba.
Feijóo permítese dar leccións a Alternativa Galega de Esquerda sobre como respectar a institución que el mesmo despreza ao non falar ao caso, ao recorrer ao embuste e á descualificación, ao gobernar por riba do poder lexislativo, ao funcionar -xunto co seu goberno- contra a maioría social, ao se negar a comparecer para explicar os casos de corrupción que sacoden o seu partido, ao aplicar as receitas políticas decididas en ámbitos alleos á soberanía popular. Axudado por unha Pilar Rojo que interrompe continuamente as intervencións dos grupos da oposición, o presidente da Xunta volveu dar un lamentábel espectáculo de graves faltas de respecto ao Parlamento de Galicia. E nada máis rematar un trámite de apenas media hora, saíu a fume de carozo da sede que abeira a maltratada soberanía popular.