Santiago de Compostela, 11 de abril de 2013.- As mentiras de Alberto Núñez Feijóo, emitidas onte no Parlamento de Galicia, revelaron unha indecente e preocupante catadura moral. A de alguén, en palabras da viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Yolanda Díaz, “capaz de calquera cousa con tal de se manter no poder”. “Non é posíbel que non soubese quen era e a que se dedicaba Marcial Dorado naquel tempo”, expuxo Díaz, “como onte demostrou na Cámara a oposición”. Cando Feijóo navegaba e ía de vacacións por media Península Ibérica con Dorado, este xa fora procesado por contrabando de tabaco –o delito prescribiu antes de que se ditase sentencia- e aparecía nas páxinas dos principais xornais como un dos presuntos capos da droga –por cuxo tráfico cumpre agora condena. “Foi unha burla á cidadanía deste país”, resumiu.
Cada día que pasa desde que as fotos de Feijóo e Dorado saíron á luz pública, máis elementos desa amizade van agromando. Houbo máis anos de relación dos que dixo o señor Núñez ao comezo, houbo máis viaxes das que dixo, e houbo contratos coa trama societaria de Marcial Dorado. Alternativa Galega de Esquerda esixe ao presidente da Xunta que abandone o seu ton matonil e as ameazas, veladas ou non, aos grupos da oposición parlamentaria e saque dos caixóns os contratos da Xunta coas empresas do seu amigo e narco da Illa de Arousa. E faga, dunha vez por todas, por relatar a verdade e as implicacións reais de todas esas vacacións, noitevellas incluídas, que Feijóo e Dorado pasaron xuntos. A partir de aí, segundo AGE, a única saída que lle queda a Alberto Núñez Feijóo é poñer o seu cargo a disposición do Parlamento. Só o seu limitado entendemento da democracia, revelador da tradición política en que se insire, lle permite continuar no cargo logo de se descubrir as súas, como mínimo, perigosas amizades.