Feijoo e Vázquez lingüicidas

O Goberno do PP responde así á multitudinaria manifestación do pasado domingo en defensa da lingua.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2013.- A belixerancia da Xunta de Alberto Núñez Feijóo contra a lingua galega non parece coñecer límites. O seu foi o primeiro Goberno na historia da autonomía en lexislar contra a lingua propia de Galicia e reducir, por lei, a súa presenza na escola pública. Con toda a comunidade escolar en contra –alumnos, profesores, pais- e logo de multitudinarias manifestacións –a última, o pasado domingo, e así responde Feijóo-, a malfadada Consellaría de Educación de Jesús Vázquez redactou un decreto, aprobado en solitario polo PP, que botaba terra sobre o paseniño e laborioso traballo de anos en defensa da normalización da lingua galega no ensino. A Mesa pola Normalización Lingüística ou a Real Academia Galega presentaron no seu día recursos contra a infame norma ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Este estimou a denuncia da Mesa e cuestionou o núcleo da lei, incluída a denominada “enquisa aos pais” sobre a lingua a empregar nas aulas.

Pero o asañamento do PP coa lingua que o Estatuto de Autonomía cualifica de “propia de Galicia” continúa. O Executivo de Feijóo, a través do brazo executor do conselleiro Vázquez, pasará á historia como lingüicida. Onte ratificouno, ao personarse no Tribunal Supremo de Madrid para intentar botar abaixo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “Jesús Vázquez é un perverso galegófobo que desde a institución que debera defender a identidade galega”, lembra o deputado de Alternativa Galega de Esquerda Xabier Ron, “non deixa de atentar contra a súa lingua”. O grupo parlamentario de AGE xa interpelou, en decembro do pasado ano, ao conselleiro de Educación para intentar saber se Vázquez ía presentar un recurso contra o dictame do TSXG. “Agora vemos que Vázquez e Feijóo teiman no seu odio furibundo contra o galego e a cultura galega”, conclúe Ron.

 

 

Relacionados