Feijóo empeñado en traer ao Papa

Alternativa Galega de Esquerda pide unha vez máis ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que cancele as actuacións dirixidas a xestionar a visita do Papa Francisco I a Galicia e de adicar ningún recurso público no caso de que se chegue a producir, despois de que onte o presidente galego insistira na súa petición durante a súa visita a Asís.

O grupo parlamentar de AGE considera insultante que ante a crise económica e social que está a padecer Galicia e o número crecente de galegas e galegos que se ven dirixidos á miseria, o presidente galego prefira dirixir o esforzo e os recursos do país a conseguir a visita do máximo representante da Igrexa Católica e non a procurar una solución ao drama que están a padecer milleiros de familias no noso país.

Xa o pasado dia 17 de Maio, o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijoo, xunto con membros destacados do Goberno Galego e o Alcalde de Compostela Angel Currás, recibiron no Aeroporto de Compostela ao Secretario de Estado do Vaticano o señor Tarcisio Bertone, quen permaneceu en Galicia durante tres días tempo no que en reiteradas ocasións se amosou a intención de traer ao Papa Jorge Mario Bergoglio (Francisco I) a Galicia co galo do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela. E onte o Presidente da Xunta insistiu nesta petición durante a súa visita a Asís.

Desde o grupo parlamentar de AGE lembran que a pasada visita do Papa Joseph Ratzinger (Benedicto XVI) a Galicia, realizada no mes de Novembro de 2010, amais da anulación das normas constitucionais durante a visita, supuxo un custe de máis de tres millóns de euros nunha estadía de pouco máis de 7 horas de duración no noso pais. Un custe de 6.500 euros por cada un dos minutos que o máximo representante da Igrexa Católica permaneceu en Galicia. Unha nova visita papal suporía polo tanto un novo dispendio de recursos públicos, nun momento en que milleiros de persoas carecen de emprego, vivenda e dos recursos mais básicos para poder vivir con dignidade.

 

Dende o Grupo Parlamentar de AGE consideramos inadmisible que nun estado laico e aconfesional os recursos públicos se empreguen en pagar visitas de autoridades relixiosas, mais aínda cando eses recursos se lle negan a cidadanía para acceder a servizos básicos como a educación ou a sanidade. Cando a chamada política de austeridade da que fai gala este goberno provoca que cada vez mais galegos e galegas vivan en condicións de exclusión social. Por todo isto, esixen ao presidente da Xunta de Galicia que cese na súa teima de traer ao Papa a Galicia e comece a traballar dunha vez por todas por solucionar os problemas da cidadanía que están sen dúbida moi lonxe de conseguir ou non que o Papa Francisco I visite ou non o noso país.

Relacionados