Feijóo o que sexa polo poder

 

Xosé Manuel Beiras acusa a Feijóo de “facer calquera cousa con tal de se manter no poder, como os seus antecesores no 36”

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2013.- A inmoralidade preside o labor político de Alberto Núñez Feijóo. A súa cobiza política ilimitada quedou outra vez de manifesto na súa infame comparecencia desta mañá no Parlamento de Galicia. Se a intención da oposición consistía en que o señor Núñez explicase as súas relación co contrabandista e log narcotraficante Marcial Dorado, ao que asistiu foi a un exercicio inmenso de cinismo, medias verdades, embustes, terxiverxacións, traizóns e insultos á máis elemental ética. “Vostede non entende a relación entre ética e política”, espetoulle un indignado Xosé Manuel Beiras, portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ao presidente da Xunta, “e faría, no seu narcisismo, calquera cousa con tal de se manter no poder, como fixeron os seus antecesores no 36”.

Beiras comezou a súa intervención cunha homenaxe ao economista e escritor José Luis Sampedro, morto hai uns días, “un deses seres humanos que fan a un sentirse orgullos de ser humano, o contrario do que acontece con vostede, señor Núñez”. Despois acusou ao presidente de realizar un recital de desvergoña e desprezo aos cidadáns do común coas súas incríbeis explicacións. “Eu son vello e vinlle a faciana ao fascismo”, expuxo para relatar o podre territorio moral en que arraiza a dereita extrema, “e vin como eses que paseaban xente logo eran católicos de misa diaria”. Falou así xusto despois de que o señor Núñez intentase reducir a súa amizade con Marcial Dorado, un dos grandes capos do contrabando de tabaco e logo do narcotráfico, a un pecado de mocidade –en realidade, Feijóo tiña 34 anos, era número dous da Consellaría de Sanidade e medraba politicamente á sombra de Romay Beccaría.

“Vostede optou por se inserir nun medio social reaccionario, fascistoide, que se chama AP e logo PP e cuxas relacións co contrabando e o narco están máis que documentadas”, describiu. Neses anos, lembrou, só as nais coraxe de Arousa se erguían publicamente contra o narcotráfico “e aínda choraban hai uns días cando falaban cos portavoces da oposición”. E mentres o señor Núñez quería matar o mensaxeiro –os e as xornalistas que publicaron as xa célebres imaxes das súas travesías en iate con Dorado-, Beiras deixou clara o posicionamento de Alternativa: “A chave do problema non é unha relación entre dous individuos, senón entre ética e política”. Á dereita do PP válelle calquera argumento, calquera relación, calquera contacto, para conservar o poder e desde ese lugar ser máis funcional aos intereses das clases que representa.

O señor Núñez refuxiouse en que non coñecía a que se dedicaba o seu compañeiro de navegación e ocio –con Dorado viaxou, que se saiba, a Tenerife, Picos de Europa ou Portugal-. Pero non podía ser. “Se vostede non sabía o que acontecía neste país”, apuntou o portavoz de Xosé Manuel Beiras, “que había nais loitando contra o narco, que había rapaces morrendo de sida, como podía ser vostede alto cargo de Sanidade”. O señor Núñez, na súa soberbia, nesa prepotencia que caracteriza a dereita española, non aclarou nada. Despachouse co ventilador contra os tres grupos de oposición e marchou por onde viñera entre os aplausos e risos hooligan das bancadas do seu partido. “É vostede a indecencia feita política, o desprezo”, foi rematando, “pero o poder está oco, aínda que siga vostede co seu narcisismo mentres o pobo podrece”. Beiras rematou cun chamado ao exercicio da democracia, “o exercicio do poder polo pobo”, porque o señor Núñez gañou as eleccións en outubro do pasado anos pero “xa non ten a lexitimidade para seguir no Goberno”.

 

Relacionados