Feijóo quixo fusionar as caixas

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2013.- Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o proceso que desembocou na liquidación das caixas de aforro galegas foi unha sucesión de embustes dirixida ao obxectivo final: deixar a Galicia sen esas entidades de aforro nadas á marxe do sistema bancario usual no capitalismo. A carta coas respostas do que foi gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, ás preguntas dalgúns grupos parlamentarios confírmao. “Dende o ano 2004, e especialmente dende o 2007, di Ordóñez, o organismo regulador advertira á Xunta da situación real das caixas e dos perigos da súa expansión”, expón a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, “e ninguén fixo caso”. O Goberno galego tiña capacidade de control e competencias para xestionar a gobernación das caixas. Ficou paralizado.

Ningunha das auditorías ou informes encargados pola Xunta de Núñez, e pagados con cartos públicos, avalou a fusión. Pero, segundo Fernández Ordóñez, a fusión de Caixa Galicia e Caixanova foi un empeño persoal do presidente Núñez Feijóo. “Estaba advertido polo propio Banco de España do que acontecía nas caixas, sobre todo en Caixa Galicia, da súa exposición ao ladrillo, e porén, Feijóo empeñouse na fusión. Queremos saber por que”, insiste Yolanda Díaz. Non só iso. A dicir de Alternativa Galega de Esquerda, a resposta por escrito á comisión de investigación das caixas do Parlamento de Galicia fai necesaria a súa comparecencia presencial de Fernández Ordóñez. AGE xa o solicitou no seu día e votou en contra de que o exgobernador do Banco de España solucionase a súa comparecencia por vía escrita. Agora, e logo de se coñecer o que afirma na carta á Cámara galega, a petición de Alternativa volve ser necesaria.

 

Porque non se trata só de que o señor Núñez apostase pola fusión sen atender a razóns confesábeis. A propia Xunta contaba entre as súas competencias coa de limitar ou non as retribucións de directivos –esta potestade pasou despois ao Banco de España- e non moveu un dedo. E había catro informes do Banco de España que alertaban da delicada situación de Caixa Galicia. “Por que se a Xunta coñecía todo isto insistiu na fusión?”, pregúntase, máis unha vez a viceportavoz de AGE.

Relacionados